As cabanas sostibles de Suites Nature en Lusquiños, referente ecolóxico a seguir para futuros proxectos turísticos
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Este sábado presentábase a parcela na que se situarán as cabanas turísticas de Suites Nature, a startup que obtivo maior valoración na primeira edición de Turislab. Ata a zona situada en Lusquiños achegábanse o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que mostraron o seu total apoio a este proxecto que nace para converterse en referente do turismo sostible e de calidade.
A parcela conta cunha extensión de 11.800 metros e nela instalaranse cabanas sostibles nas proximidades do itinerario polo que transcorre o Camiño Portugués a Santiago. Esta iniciativa converterase no primeiro resort turístico sostible na provincia.
Jorge Martínez, integrante de Suites Nature, explicaba que este sábado iniciábase o levantamento topográfico para comezar a instalación de oito cabanas que manterán a estrutura tradicional galega e oito suites nun espazo natural elaboradas con materiais autóctonos, ademais crearase un horto e un invernadoiro ecolóxico. Ao mesmo tempo, relataba que o proxecto se relaciona coas novas tecnoloxías para que os visitantes, principalmente peregrinos, coñezan os produtos que consumen e os gastos ambientais que realizan durante a viaxe como o consumo de auga, co obxectivo de premiar os viaxeiros máis sostibles.
Os promotores sinalaron que importan ideas doutros países como Costa Rica ou Colombia e afirman que están a traballar con axencias de todo o mundo para lanzar este fórmula con proxección internacional. A súa proposta tamén quere ser colaborativa coas empresas locais e a hostalería e mesmo con outros colectivos como a APDR ao tratarse dunha fórmula que se basea na natureza e o coidado do ambiente.
A súa lema será "o turismo do futuro, agora en Galicia" porque o obxectivo é que se estenda a outras provincias da comunidade autónoma. Alfonso Rueda destacaba que esta iniciativa foi o máis valorado na primeira edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta e manifestou que espera que este verán os peregrinos e turistas poidan visitar xa este espazo de aloxamentos.
Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores mostrou a súa satisfacción por esta proposta vangardista, que axudará a potenciar o Camiño Portugués, que cada vez conta con máis peregrinos e de maior variedade socio-económica. Polo que entende que esta alternativa ecolóxica cobre un oco que faltaba.
A Xunta anunciou que este 2022 fomentará a posta en marcha de solucións innovadoras que ofrezan resposta ás necesidades turísticas pospandemia a través dunha segunda convocatoria da Aceleradora de Proxectos turísticos que se lanzará a finais deste mes de febreiro.