Raxó e San Salvador encabezan o teito histórico de habitantes de Poio
Por Redacción
O teito histórico de 17.230 habitantes que acadou o Concello de Poio é en parte grazas ás parroquias de Raxó e San Salvador, representando en maior medida o crecemento do municipio desde hai máis de dúas décadas.
O alcalde, Luciano Sobral, sinalou que "os datos veñen a demostrar que Poio é un lugar no que a xente quere vivir e botar raíces para gozar dunha inmellorable calidade de vida".
Un ano máis, San Salvador marca o tope de habitantes no que ás parroquias se refire. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estatística (INE), no ano 2021 acadou as 7.667 persoas, o que se traduce en 88 máis con respecto ao reconto do exercicio anterior. Trátase de todo un récord xa que "en 2011 San Salvador non chegaba aos 7.000 habitantes", engadiu Sobral.
Tamén forma parte deste crecemento significativo a parroquia de Raxó, que en 2021 chegou aos 1.197 habitantes. Iso supón un incremento de 58 persoas empadroadas e consolida a tendencia á alza marcada desde 2017.
Pola súa banda, Samieira experimentou un incremento de 13 novos habitantes mentres que Combarro apenas experimenta cambios, con só dúas baixas. San Xoan, en cambio, continúa moi por riba dos 5.000 habitantes, concretamente con 5.333.
En canto á media de idade, os datos do INE indican que o 50,4% dos habitantes teñen menos de 44 anos. Neste senso, Poio e Soutomaior son os únicos concellos da comarca de Pontevedra que están por riba do 50% nesta franxa.
Esta serie de datos son para o Goberno local "positivos" e consideran que son froito da "calidade de vida, dos servizos, do dinamismo social, comercial e económico do que goza Poio" grazas á "política de conxelación de taxas e a aplicación de novas bonificacións en materia de vivenda, redución de emisións de gases e plusvalías fan que o municipio continúe nunha senda moi positiva e sexa un dos concellos máis atractivos das Rías Baixas para vivir", conclúen os dirixentes municipais.