Poio incrementa a súa poboación ata os 17.325 habitantes
Por Redacción
Os primeiros sete meses deste ano 2022 acreditan que Poio segue a crecer en poboación. A 31 de xullo, o padrón municipal recolle un total de 17.325 habitantes no municipio.
Ante este novo máximo histórico, desde o goberno local aseguran que esta tendencia positiva "demostra ás claras que o noso municipio é atractivo, dinámico, no que hai unha gran calidade de vida e no que cada vez máis xente quere asentarse".
Segundo este informe, Poio conta con 8.789 mulleres e 8.536 homes censados.
Con respecto ao reparto poboacional por parroquias, San Salvador dispárase ata superar os 7.700 habitantes, chegando aos 7.717, seguida de San Xoán (5.418), Combarro (1.860), Raxó (1.214) e Samieira (1.116).
A día de hoxe o Concello ten rexistrados máis de medio cento de nacementos (22 varóns e 31 mulleres), ata o citado 31 de xullo.
O dato correspondente ao ano 2021, con 17.230 habitantes, marcaba o tope histórico de Poio. Anteriormente, chegouse a 17.082 en 2019, mentres que en 2020 produciuse o único retroceso en practicamente dúas décadas, pasando a 17.073.
"O concello xa está plenamente consolidado por riba dos 17.000 habitantes, unha cifra á que chegamos por primeira vez en 2018 e que confiamos en que siga aumentando", apuntan os dirixentes municipais, que salientan tamén o feito de que Poio conta con moita poboación que está por debaixo dos 45 anos.
A isto hai que sumar, engade o goberno municipal, o incremento temporal que se experimenta durante os meses de verán, especialmente en parroquias como Raxó ou Samieira.