O Concello de Bueu insta á Xunta a que amplíe as instalacións do Museo Massó
Por Redacción
O Pleno do Concello de Bueu aprobou este luns unha moción presentada polo grupo de goberno na que se insta á Consellería de Cultura a que planifique os traballos a levar a cabo para que non se condicione a necesaria futura ampliación do Museo Massó, e tamén que afronte en diversas fases ese proxecto elaborado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto no ano 2002.
Xosé Leal, voceiro do BNG, explicou que "do que se trata é de facer memoria e de seguir reivindicando o Museo Massó coma un museo referencial, cunha actuación por parte da Xunta que tería que ser máis ambiciosa".
Na mesma liña interveu Julio Villanueva, voceiro de ACB, quen puxo de manifesto que "xa é hora de que a Xunta aposte en serio polo Museo, e non que se limite a eses 1,1 millóns anunciados recentemente".
Pola súa banda, Elena Estévez, en representación do PP, xustificou o voto en contra do seu grupo, sinalando que "segundo me indican na Consellería de Cultura, o proxecto de Gallego Jorreto non é posible tal e como estaba formulado e que necesitaría adaptalo ás novas circunstancias".
O grupo de goberno lembrou que no seu momento o Concello cedera á Xunta de Galicia un total de 3.400 metros cadrados de terreo edificable na contorna do Museo e que quedaron infrautilizados polo momento. Finalmente, a moción saíu adiante cos votos favorables do grupo de goberno, mentres que os e as edís do PP se mostraron en contra.
O pleno tamén serviu para aprobar definitivamente a Relación de Postos de Traballo do Concello de Bueu e para dar luz verde á aprobación do proxecto técnico de reforma e ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que se levará a cabo no marco das axudas do ReacPon da Deputación de Pontevedra, e que conta cun orzamento de preto dun millón de euros.