A poda de árbores da alameda completa a posta a punto dos espazos públicos de Augasantas
Por Redacción
Operarios do Concello de Cerdedo-Cotobade levaron acabo labores de poda nas árbores da alameda de Augasantas que complementan toda unha serie de actuacións e intervencións postas en marcha polo equipo de goberno para mellorar este espazo de lecer nos últimos meses.
Ademáis, dotouse a este espazo dun muro de peche perimetral, levo a cabo a construción dunha beirarrúa de pedra na travesía da estrada e a colocación dunha cuberta en madeira para minimizar o impacto visual dos contedores de lixo.
Nos vindeiros días, a empresa adxudicataria do concurso público procederá a levar a cabo labores de posta a punto do parque infantil existente que se atopa con varios aparatos de xogo en mal estado polo paso do tempo e a incidencia das condicións metereolóxicas adversas que foron desgastando e perxudicando estes elementos.
Segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela, "a nosa intención é seguir apostando polos espazos de esparcimento e goce veciñal co fin de fomentar a convivencia e a interrelación persoal dos veciños e veciñas das nosas parroquias agora que vai remitindo a virulencia da pandemia e temos que ir recuperando as tradicionais relacións de boa veciñanza e de disfrute colectivo deste tipo de lugares, sempre con precaución e adaptándonos a nova normalidade".