Instan a Transición Ecolóxica a revogar todas as concesións administrativas na Xunqueira de Alba

Por Redacción
O proceso para a recuperación ambiental de toda a marisma da Xunqueira de Alba chega ao Congreso. Faino da man do deputado Néstor Rego (BNG), que rexistrou varias iniciativas para esixir ao Goberno que revogue todas as concesións administrativas sobre eses terreos.
Así, Rego insta o executivo central a iniciar os contactos coas demais administracións beneficiarias e promover a recuperación ambiental de toda a marisma da Xunqueira de Alba, declarada como ENIL, creando un espazo verde duns 171.000 metros cadrados.
"Trátase dunha das zonas húmidas mellor preservadas nas Rías Baixas e de gran interese para as aves acuáticas migratorias constituíndo un lugar de cría, ademais de albergar outras especies de fauna e flora que deben ser protexidas", apunta o deputado.
A día de hoxe continúan existindo terreos con concesións administrativas aprobadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que afectan a unha superficie de 17 hectáreas, das que son beneficiarias distintas administracións públicas.
En opinión do deputado do BNG, Néstor Rego, "é preciso que as administracións públicas dean exemplo e favorezan a recuperación de espazos de dominio público marítimo terrestre", aplicando a lexislación vixente en materia de Costas.
As normas establecen, recordou Rego, que "non deben manterse as concesións para instalacións que degraden a zona costeira e que non precisen para a súa actividade da proximidade á auga, polo que poden ser trasladadas a outro emprazamento".
Así, demanda ao executivo estatal que renuncie de maneira "voluntaria e anticipada" ás concesións que ostenta e emprega a propia Administración Xeral do Estado e que inicie contactos coas demais concesionarias para buscar localizacións alternativas.
Relacionadas:
-
O BNG pide á Xunta 3,5 millóns de euros para desocupar e rexenerar a Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Unha pradaría con árbores autóctonas substituirá na Xunqueira de Alba ao parque provincial de maquinaria
Por Alejandro Espiño |
-
O novo parque de maquinaria da Deputación ocupará case 9.000 metros cadrados
Por Redacción |
-
O PP pide novas dependencias "consensuadas e libres de gastos" para trasladar as instalacións da Xunta na Xunqueira de Alba
Por Oskar Viéitez |