Plan de mellora de parques infantís en Perdecanai, Agudelo e Valiñas
Por Redacción
O goberno local de Barro anuncia a posta en marcha dun proxecto de mellora dos parques infantís das parroquias de Perdecanai, Agudelo e Valiñas. O orzamento para a posta a piques destes espazos de xogo ascende a máis de 38.000 euros.
A principal actuación está prevista no parque de Perdecanai. Alí renovaranse todos os elementos de xogo, ampliarase e renovará o pavimento, ademais de instalarse un novo valo de peche exterior. Nos outros dous parques realizaranse traballos de mantemento e mellora do material actual.
ESCOLAS DE CANGRALLO E AGUDELO
Desde o Concello tamén anuncian que as obras do proxecto de acondicionamento interior das antigas escolas de Cangrallo e Agudelo xa finalizaron. Estes espazos utilízanse como locais sociais. O alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes e representantes da Comunidade de Montes de Barro achegáronse ata as instalacións.
Na escola de Cangrallo renováronse dous pisos que se atopaban en mal estado de conservación. Reformouse integralmente o edificio con adaptación dos servizos e pintado. En Agudelo instaláronse escaleiras e o chan do primeiro piso, ademais de acometerse o pintado interior.
O proxecto contou cun orzamento de 24.091 euros. Foi executado pola empresa Manuel Constela Pérez, adxudicataria ao presentar a mellor oferta ao concurso. A obra foi financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Proximamente quérese acometer un proxecto de renovación e modernización de todo o sistema eléctrico dos dous locais sociais.
Ademais, desde o Concello avanzan que traballan coa intención de reparar canto antes a carpintería exterior que foi roubada da escola de Agudelo. Tamén está previsto incrementar as medidas de seguridade para evitar actos vandálicos deste tipo.