"A gran familia que é Galicia chora polos seus fillos"
Por Oskar Viéitez
A Xunta decreta tres días de loito oficial en Galicia polo naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo, "unha das maiores traxedias marítimas dos últimos tempos".
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo compareceu este mércores para dar lectura a unha declaración institucional tras a celebración dun Consello extraordinario da Xunta.
"Galicia é unha gran familia e cando unha familia é golpeada por un acontecemento tráxico únese na dor para atopar un consolo que non sempre é doado". Así comeza a declaración lida polo presidente.
"A gran familia que é Galicia chora aos seus fillos, é tempo de incorporalos á nosa memoria para que a súa traxedia non se esqueza e de acompañar aos que perderon aos seus para que non sentan desamparados na dor que lamentablemente ninguén lles pode quitar".
Feijóo destacou que "somos unha Comunidade autónoma marcada por sucesos luctuosos relacionados co mundo do mar" e tamén lembrou que Galicia é a primeira potencia pesqueira da Unión Europea "e por tanto os nosos riscos son superiores aos de calquera outro lugar ou rexión europea".
A declaración institucional lembra que a historia de Galicia "está ferida por datas dramáticas tristemente protagonizadas polos nosos mariñeiros". Despois de destacar que o traballo na mar é "duro, perigoso e moitas veces cruel" subliña que, a pesar diso, "ninguén está emocionalmente preparado para recibir unha nova tan conmovedora".
A Xunta eríxese como "portavoz e intérprete" do sentir de todos os galegos para "fundirse" coas familias das vítimas deste naufraxio nunha aperta e ofrecerlles apoio para "paliar o sufrimento" e expresarlles que "non están nin estarán estes días sen amparo".
"Aínda que lamentablemente, pouco pódese facer ante o ocorrido, aante a morte confirmada, ou o que é peor, ante a incerteza dos desaparecidos. En efecto, cando ocorre unha traxedia como esta as palabras parece insuficientes e limitadas, con todo son imprescindibles para expresar o que sente", reza a declaración institucional.
"Renderemos tributo á gran comunidade mariñeira, que nos ofrece cada día o exemplo insuperable do seu traballo e o seu sacrificio máximo", termina a declaración da Xunta.