Bueu quere retomar e relanzar a bolsa de solo no PERI da praia de Beluso
Por Redacción
O Concello de Bueu ten a intención de retomar e relanzar a bolsa de solo existente no PERI da praia de Beluso. Para iso, o concelleiro de urbanismo, Martín Villanueva, reuniuse esta semana cos propietarios maioritarios do PERI e así poder dotar a zona de viais ou zonas verdes e tamén mellorar a calidade de vida da veciñanza e visitantes.
Segundo informaron desde o goberno municipal, tal e como acontece con outros polígonos existentes no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), isto vai permitir que "se consigan unha serie de dotacións locais, como apetura de viais, zonas verdes e algún equipamento, mellorando así a calidade de vida tanto da veciñanza como das persoas visitantes".
Deste xeito, apuntan o alcalde Félix Juncal e Villanueva, "non se trata dunha actuación que transforme a praia de Beluso, senón que potenciará o seu valor patrimonial, paisaxístico, medioambiental e turístico, ao que engadiremos un incremento do valor socioeconómico do lugar".
Os propietarios e propietarias teñen a intención de "darlle un pulo a eses terreos, conscientes de que é a única alternativa, e para iso solicitarán ao Concello o "cambio do sistema de xestión a compensación, xa que o PXOM establece que o sistema é o de cooperación", explican. Esta modificación posibilitará que os propietarios e propietarias poidan levar a iniciativa, aínda que sempre coa tutela e acompañamento do Concello.
Unha vez iso se realice, o seguinte paso é que este grupo, que representa máis do 60% da propiedade dese ámbito, se formalice como xunta de compensación, o que suporá o "paso firme para que se poida levar a cabo, esperando que algún operador externo ou axente urbanizador amose interese na actuación e se faga cargo da xestión de todo o proceso, dada a pouca capacidade que eles poden ter nestes asuntos", concluíu Villanueva.
Relacionadas:
-
Asinado o convenio urbanístico coa familia Davila para a cesión dunha parcela no centro de Beluso
Por Redacción |
-
Así é o novo deseño do polígono residencial da Granxa-Dorrón
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Bueu alega contra a instalación dunha gasolineira en Agrelo
Por Redacción |
-
O PXOM de Bueu xa está en vigor
Por Redacción |
-
Bueu e Caldas estrenan PXOM
Por Redacción |