Asinado o convenio urbanístico coa familia Davila para a cesión dunha parcela no centro de Beluso
Por Redacción
A familia Davila asinaba este mércores no salón de plenos o convenio urbanístico co Concello de Bueu. A través deste acordo, o goberno local poderá seguir contando cuns terreos situados no centro da parroquia de Beluso, onde se sitúa actualmente o aparcamento público.
Este trámite, segundo o alcalde Félix Juncal e o concelleiro de Urbanismo, Martín Villanueva, era necesario para que o Concello dispoña dos terreos, a través do sistema de cesión, para que se poida "deseñar o Beluso do presente e do futuro".
O proxecto remóntase ao ano 2010, cando a Deputación de Pontevedra esixiu medidas de seguridade viaria, obrigando a eliminar as prazas de aparcamento a ambos os dous lados da calzada desde a Rúa Nova ata o Parque Empresarial de Castiñeiras. O goberno local, xa entón, contactou coa familia Davila, coa que acordou un alugueiro de terreos para unha parcela que se está utilizando, desde entón, como aparcamento para a veciñanza.
Unha vez que entrou en vigor o Plan Xeral de Ordenación Municipal, abriuse unha fórmula diferente consistente en formalizar un convenio polo que o Concello pode anticipar a obtención dos terreos mediante a cesión por parte das persoas propietarias, cunha regulación que figura no convenio asinado este mércores.
O goberno local indica que se trata dun convenio gratuíto co compromiso do Concello de aprobar os instrumentos de xestión urbanística nun prazo máximo de ano e medio, que permitirá o desenvolvemento urbanístico da zona co obxectivo de obter o crecemento urbano de Beluso.
O Concello anuncia un proxecto de mellora integral do aparcamento e a redacción dos proxectos aos que se fai referencia no acordo. Unha vez que se edifique tamén se permitirá que exista un número de vivendas protexidas para que persoas con menos recursos teñan acceso a un fogar en mellores condicións que o mercado libre.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Urbanismo agradeceron á familia Davila e, en especial, a Aureliano Davila Juncal, a boa vontade e a colaboración para alcanzar este acordo.