A calidade global da EDAR de Bueu "é aceptable"
Por Redacción
A Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas (EDAR) de Bueu cumpre, segundo explicaron desde o Concello, "coas esixencias da Directiva 91/271/CEE". Isto é que "a calidade global é aceptable".
O Concello de Bueu recibiu este venres o informe de Augas de Galicia no que se informa que a EDAR cumpre coa normativa e esixencias e ten "o equipo de desinfección apagado".
Neste informe, Augas de Galicia tamén establece como recomendacións poñer en funcionamento o equipo de desinfección UV, así como a mellora da aireación do reactor biolóxico e dos niveis de nitróxeno.
Con estes resultados, o Concello de Bueu mostra a súa "tranquilidade en canto ao funcionamento correcto deste servizo aínda que sempre é posible mellorar. Por iso trasladaremos este escrito á empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga para que se apliquen as melloras recomendadas", apunta Félix Juncal, alcalde da vila.
Así mesmo, destaca que "o Concello mantén sempre unha actitude de alerta e de verificación do funcionamento das instalacións municipais de abastecemento e saneamento, co obxectivo de garantir que as incidencias que se poidan producir ocasionen o menor impacto posible nas augas da nosa ría e nos espazos naturais".
Doutra banda, explican desde o Concello que recibiron a confirmación de que Augas de Galicia realizará labores de mantemento na canle fluvial do Rego da Pena. Neste sentido, o alcalde mostrouse satisfeito porque "tiveran en conta as continuas peticións do goberno local nos últimos anos, e "confiamos en que estes traballos se fagan extensivos ao resto de canles da súa competencia".
Relacionadas:
-
Limpeza de primavera nos espazos públicos de Bueu
Por Redacción |
-
Anduxia estuda denunciar ante a Unión Europea a falta de instalación na depuradora do filtro que garante a desinfección das augas
Por Redacción |
-
A APDR afirma que as administracións seguen sen garantir o tratamento das augas residuais
Por Oskar Viéitez |