O 84 % das multas da Policía Local de Sanxenxo son por estacionar mal
Por Redacción
A Policía Local de Sanxenxo tramitou durante o ano 2021 un total de 2.224 denuncias de tráfico, así o reflicte o informe sobre a xestión das multas no municipio. A maioría das multas, 1.878, impuxéronse por mal estacionamento, seguidas de positivos en alcoholemia (66), por non respectar os sinais (157), por conducir con teléfono móbil (13) ou por condución temeraria ou neglixente (18).
En canto á procedencia dos infractores, 493 contan con domicilio en Sanxenxo; 614 son do resto da provincia e 1.117 son de territorio nacional ou internacional.
O informe recolle de forma detallada os “puntos quentes” onde se rexistraron máis infraccións entre os que destacan a Rúa Progreso (249), Praia de Areas (178), Paseo de Silgar (95), Rafael Picou (79), A Revolta (35) ou Baltar (95). En canto ao tipo de vehículo infractor, os turismos concentran 1.958 multas, seguido de furgonetas (57), camións (30), todoterreos (50) ou motocicletas (58).
Segundo o tipo da denuncia, distínguense graves (1.676), leves (464) e moi graves (84). Das sancións de tráfico impostas durante o ano pasado, 116 supuxeron perda de puntos.
En canto á recadación, ao 31 de decembro de 2021 cobráronse 1.894 multas de tráfico coas que se recadaron 214.268 euros. Os meses nos que se rexistraron máis infraccións van de xuño a novembro, ambos inclusive, con 1.599 denuncias.
A Policía Local rexistrou durante o ano pasado 11.824 chamadas nas que se requiría a intervención dos axentes por distintos motivos. Así, o informe tamén recolle outros procedementos infractores que nalgúns casos foron tramitados pola Policía Local e, noutros, pola Garda Civil que teñen que ver coa ordenanza de convivencia por molestias a veciños (123), ouriñar na vía pública (17), lanzar lixo á rúa (5) e realizar pintadas (3). En total tramitáronse 154 denuncias.
En canto a incumprimento da Lei de Saúde Pública tramitáronse un total de 129 sancións entre as que se atopan consumir alcol na vía pública (21), reunións en toque de queda (67), participar en festas ou aglomeracións (34). Inclúense tamén incumprimentos da ordenanza de contaminación acústica, da Lei de benestar animal, do regulamento de protección de medio ambiente ou da prevención de consumo a alcol a menores. Neste apartado, a recadación ascende a 53.475 euros.
Relacionadas:
-
A Policía Local de Sanxenxo aborda como mellorar a súa atención en violencia de xénero
Por Redacción |
-
Comezan as obras de mellora da rúa Unión e transversais cos traballos de canalización
Por Redacción |
-
A xuíza especializada en violencia de xénero Paz Filgueira dá unha charla formativa aos policías locais de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Concello de Sanxenxo ultima o seu quinto Plan de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero
Por Redacción |