Nova protesta contra o impago de Mersant aos vixilantes de seguridade do Centro Avelino Montero
Por Redacción
Cuarta concentración ás portas do Centro de Menores Avelino Montero e continúa sen resolverse a situación dos traballadores de Mersant Vigilancia, a empresa encargada do servizo de vixilancia das instalacións.
O persoal de seguridade segue a sufrir o impago de salarios. Representantes da Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) denuncian que a empresa se enfronta a unha débeda millonaria coa Facenda Pública e coa Seguridade Social, que provoca constantes embargos nas súas contas bancarias. Ante esta situación, a entidade vese imposibilitada a facer fronte ao pago dos salarios dos empregados.
O sindicato lembra que xa alertara de que esta empresa realiza ofertas "low- cost" en concursos públicos, que mesmo se aproximan a ofertas temerarias ao non cubrir custos salariais e técnicos vinculados á prestación dos servizos. Os representantes dos traballadores lamentan que estas ofertas sexan aceptadas polos organismos contratantes, neste caso a Xunta de Galicia, provocando a situación actual.
Anuncian que iniciarán accións legais contra os distintos órganos de contratación e advirten de que Mersant Seguridad está incluída na campaña estatal da FTSP-USO contra as empresas piratas do sector da seguridade privada ao incumprir o convenio colectivo estatal e atentar contra os dereitos dos traballadores.
Relacionadas:
-
UXT sospeita da privatización do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez |
-
Alertan da falta de seguridade no Centro Avelino Montero polos problemas laborais da empresa de vixilancia
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
FTSP-USO denuncia irregularidades na vixilancia do centro de menores Avelino Montero
Por Redacción |