Convocan un concurso de ideas para humanizar a contorna da casa consistorial de Vilaboa
Por Redacción
O Concello de Vilaboa convoca un concurso de ideas para a redacción do proxecto da humanización da contorna da Casa do Concello, no Toural, no que se recibirán propostas ata o 1 de abril.
Un xurado de expertos seleccionará as dez mellores ideas que serán premiadas con dotacións que irán dos 10.000 aos 1.500 euros. O gañador do concurso adxudicarase a redacción do proxecto básico e de execución por un importe de 22.500 euros.
A actuación prevista, no marco da Rede Ágora da Deputación de Pontevedra, ten como premisa principal a recuperación de espazo público para o cidadán reducindo a superficie destinada a aparcamento de coches en superficie dentro do obxectivo global de crear un núcleo de centralidade no Toural.
A humanización da contorna é a peza chave no modelo urbanístico que o equipo de goberno de César Poza quere para desenvolver o devandito núcleo, de xeito que o proxecto transforme o espazo nunha praza pública integrada coas edificacións e infraestruturas coexistentes e os elementos patrimoniais.
A humanización deberá incluir a pavimentación da vía interior que comunica co edificio de Correos (antiga Casa do Concello), transformándoa dunha estrada rodada de acceso libre a unha rúa de tráfico mixto con plataforma única, con preferencia peonil, aberta só ao tránsito de residentes, actuando tamén de tractor para o tráfico peonil que discorre pola beirarrúa da estrada N-554.
Terá que contemplar tamén a demolición da pavimentación da praza pública fronte ao Concello, agora en desuso, e no seu lugar, deseñar e executar unha nova praza con arboredo e pequenos equipamentos que poidan resultar de interese, atraendo á súa utilización.
Ademáis terá que deseñar e executar un novo trazado de enlace coa estrada N-554, as restantes vías de titularidade municipal e os equipamentos existentes, en base a un estudo de mobilidade axeitado á realidade actual.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, confirma que o obxectivo desta actuación é o de crear unha nova centralidade da que actualmente carece Vilaboa, que se desenvolverá arredor do seu actual centro administrativo no Toural, para poder cubrir o papel aglutinador e simbólico dunha pequena vila e configurarse como un centro dotacional de servizos con carácter municipal, e mesmo nalgúns casos comarcal, acadando no seu desenvolvemento urbanístico espazos estratéxicos para a localización de dotacións moi necesarias e de futuro.
"Con este concurso pretendemos escoller a proposta técnica posible para crear un entorno que dé prioridade aos peatóns e ás vías para ciclistas", conclúe.