O dó pola traxedia do Villa de Pitanxo reduce as actividades do Entroido en Marín
Por Redacción
O goberno local de Marín decidiu rebaixar os actos e a decoración que se programou con motivo do Entroido deste ano debido á traxedia do barco Villa de Pitanxo.
Fontes municipais anuncian que a decoración prevista na fachada do Concello vai trasladarse ao Parque Eguren. Manterase a anunciada no Palco da Música, pero non se instalará ata a fin de semana.
Do mesmo xeito, a actividade festiva para público infantil que ía desenvolverse na Alameda será agora organizada no Parque Eguren. As actividades relacionadas co Enterro da Sardiña tamén foron suspendidas pola entidade organizadora, o Ateneo Santa Cecilia.
Durante estes días si se pode visitar a exposición do Entroido tradicional de Ourense no Museo Torres. Alí pódense ver, entre outras, figuras de cigarróns e ao Castrón Meco, un elemento emblemático no Entroido de Rebordondo. Esta mostra poderase visitar ata o 13 de marzo.