Festas infantís, animación e exposicións no Entroido 2022 de Marín
Por Redacción
O Concello de Marín presentou este venres o seu programa e o cartel para o Entroido deste ano. Nel haberá festas infantiles, animación e exposicións.
Durante o acto de presentación estiveron as concelleiras Marián Sanmartín e Beatriz Rodríguez e o creador do cartel, Luis Vilas, que explicaron que, a pesar de que hai que manter todas as medidas sanitarias, " temos capacidade para desfrutar destas datas e para poder seguir apoiando á nosa economía local, desde as comparsas e asociacións que teñen nestes días un momento importante para a súa actividade, ata o comercio e a hostalaría".
O comezo do Entroido será o 20 de febreiro coa inauguración da Exposición do Entroido Galego no Museo Manuel Torres, organizada en colaboración coa Asociación Cultural Tregha Saljariteir@s. Poderá verse ata o 13 de marzo.
O día seguinte, o 21 de febreiro, a Comparsa Os da Caña decorará o Palco da Música e o 22 de febreiro, será a Comparsa Os Paparrulos a encargada de decorar a fachada do Concello.
A Exposición do Enterro da Sardiña, organizada en colaboración co Ateneo Santa Cecilia, estará no acristalado do Multiusos desde o mércores 23 ata o 4 de marzo.
O venres 25 o Entroido trasládase a Seixo, onde se moverá a burra tradicional deste entroido á Prazas de Abastos da man do Grupo Cultural Ronsel. Tamén estará ata o 4 de marzo. Ademais, polas rúas de Marín estarán animando os membros da Charanga Os Jalácticos.
O día 26, haberá animación da Batucada Axé Bahía e de Charanga Noroeste polas rúas de Marín e o domingo 27, será a quenda da Batucada Maracumbé Bloco e a Charanga Os Jalácticos. Ese mesmo día, pola tarde, será a Gran Festa Infantil na Alameda con música e animación (no caso de choiva, moveríase ao Multiusos).
Xa o 1 de marzo, o Ateneo Santa Cecilia organizará o seu tradicional Concurso de Orellas e Filloas no seu local. O 2 de marzo, Mércores de Cinza, será o velorio da sardiña no Palco da Música e tamén a entrega do concurso gastronómico do Ateneo.
O broche final do Entroido marinense será o 6 de marzo, coa degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos de Area. A animación será a cargo da Charanga Noroeste.
Relacionadas:
-
O dó pola traxedia do Villa de Pitanxo reduce as actividades do Entroido en Marín
Por Redacción |
-
"O noso planeta", unha exposición que xunta a beleza do mundo co clamor pola sostibilidade
Por Oskar Viéitez |
-
Marín quere que o Enterro da Sardiña sexa festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción |
-
Reunión no Concello de Marín para deseñar as actividades do Entroido
Por Redacción |
-
Suspendido o Enterro da Sardiña de Marín
Por Redacción |