Falece 'Lito', o rei das orquestras
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ángel Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras de Galicia, faleceu na mañá deste xoves en Poio. Acabou coa súa vida tras precipitarse desde a ponte da Barca á autoestrada AP-9.
De 58 anos e veciño da zona, da urbanización da Caeira, en Poio, 'Lito' ten desde hai anos un delicado estado de saúde.
Tres fontes policiais diferentes e o avogado do fallecido, Carlos Seoane, confirmaron a PontevedraViva a súa morte, que se produciu este xoves, sobre as 11.00 horas.
A morte produciuse no termo municipal de Poio e provocou un amplo despregamento de medios da Garda Civil, que agora deberá investigar a morte.
Nos últimos anos, o seu estado de saúde foi empeorando e tiña unha enfermidade neurolóxica, ademais dun proceso de saúde mental que deteriorou o seu estado xeral. O estado de saúde do empresario obrigou a suspender varios xuízos ata que finalmente un forense determinou que estaba en condicións de ser xulgado, pero o pasado 18 de novembro volveu suspenderse un xuízo no que figuraba como acusado porque o seu defensa remitiu ao tribunal da Audiencia Provincial de Pontevedra un informe forense que conclúe que "non está en condicións de asistir ao xuízo".
O coñecido empresario do mundo do espectáculo está incapacitado a nivel civil e este informe, o último que transcendeu a nivel xudicial, determinaba que tampouco está en condicións de ser xulgado pola vía penal.
Nese xuízo que xa quedará pendente a Fiscalía solicitaba penas que sumaban 35 anos de prisión e unha multa de trece millóns de euros por varios supostos delitos fiscais. Esa condena quedará no aire, pero este coñecido empresario, famoso porque foi o dono da Panorama, ten outras causas abertas e chegou a ter abertas cinco investigacións diferentes.
Nestes momentos, non ten ningunha condena en firme, pois ten unha condena que está agora un recurso no Tribunal Supremo. Trátase dun fallo de xuño de 2021 no que foi condenado a dous anos e tres meses de cárcere por delitos fiscais. O empresario foi xulgado por estes feitos en 2017 e condenado en 2018, pero o Tribunal Supremo anulou a sentenza que lle impoñía 12 anos de prisión e obrigou a repetir o xuízo. Tras repetirse, viu como a pena reduciuse considerablemente.