O estado de saúde de 'Lito', o 'rei das orquestras', obriga a suspender un novo xuízo
Por Natalia Puga
Nova suspensión dun xuízo contra Anxo Martínez Pérez, coñecido como 'Lito' e considerado o rei das orquestras de Galicia. Nos últimos anos, o estado de saúde do empresario obrigou a suspender varios xuízos ata que finalmente un forense determinou que estaba en condicións de ser xulgado. Agora, nun novo procedemento que estaba previsto que chegase á Audiencia Provincial de Pontevedra o xoves 18 de novembro, volveuse a dar unha suspensión.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu suspender o xuízo debido a que o acusado remitiu ao tribunal un informe forense que conclúe que "non está en condicións de asistir ao xuízo". O coñecido empresario do mundo do espectáculo está incapacitado a nivel civil e este informe determina que tampouco está en condicións de ser xulgado pola vía penal.
Segundo confirmaron o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), polo momento, non se sinalou nova data para a vista oral, na que a Fiscalía solicita penas que suman 35 anos de prisión e unha multa de trece millóns de euros por varios supostos delitos fiscais.
Este novo xuízo chega tan só uns meses despois de que o pasado xuño Lito fose condenado a dous anos e tres meses de cárcere por delitos fiscais por non tributar o debido en impostos nos anos 2011 e 2012. O empresario foi xulgado por estes feitos en 2017 e condenado en 2018, pero o Tribunal Supremo anulou a sentenza que lle impoñía 12 anos de prisión e obrigou a repetir o xuízo. Tras repetirse, viu como a pena reduciuse considerablemente.
A nova causa que lle levará a xuízo en data agora aínda non fixada tamén lle leva ante o tribunal por delitos derivados de non tributar correctamente os impostos do IRPF e o IVE, pero xa non no caso da súa empresa, senón el a título particular.
A Fiscalía considera que é o "artífice e o responsable da creación" dun conxunto de empresas cunha facturación anual aproximada de 25 millóns de euros que opera no sector das actividades de produción musical e de representación artística e que entre os anos 2009 e 2012 non coinciden as cantidades facturadas e declaradas. De feito, detecta unha diferenza de ao redor de 92 millóns de euros.
O ministerio público acúsao de catro delitos contra a Facenda Pública ou delitos fiscais, un dos cales é un delito agravado contra a Facenda Pública dado o valor da defraudación, máis de 600.000 euros.
Relacionadas:
-
Falece 'Lito', o rei das orquestras
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
De 12 anos de cárcere a só dous e tres meses: así se reduce a condena de 'Lito', o rei das orquestras, por fraude fiscal
Por Natalia Puga |
-
A defensa pide a libre absolución do "rei das orquestras" e sinala que o proceso xudicial na súa contra supuxo a súa "morte civil"
Por Oskar Viéitez |
-
A defensa cualifica de "absolutamente inverosímiles" as cantidades que Facenda imputa a Lito
Por Oskar Viéitez |
-
A defensa de Representaciones Lito asegura que era un mero comisionista das orquestras
Por Oskar Viéitez |
-
O tribunal determina que Lito, o rei das orquestras, está en condicións de ser xulgado e el négase a declarar
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |