Invisten 48.000 euros para crear unha senda peonil de 690 metros pola PO-235
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas, que dirixe Ethel Vázquez, adxudicou as obras para executar unha nova senda peonil na estrada autonómica PO-235 no Concello da Lama.
Estes traballos serán realizados por Construcciones EC Casas, despois de ser adxudicados por un importe que supera os 48.000 euros.
Comezarán nas próximas semanas e o proxecto contempla unha mellora do tránsito peonil a través da creación dun itinerario na marxe esquerda da estrada, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510. Esa zona carece na actualidade dun percorrido para a circulación a pé independente do tráfico rodado.
A senda contará con 690 metros de lonxitude e a proposta contempla dúas solucións. Nas zonas da senda nos puntos en que a beiravía se atope pavimentada vai aplicarse un tratamento superficial de cor para diferenciar a zona peonil do resto da calzada.
No resto do espazo, a senda contará cun ancho de 1,8 metros e levará unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón, á mesma cota que a da calzada.
Instalarase tamén unha varanda de protección lateral para evitar caídas debido á existencia dun considerable desnivel na marxe da senda, segundo informan desde a Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Adxudicadas por máis de 3,1 millóns de euros as obras que completarán a mellora integral da estrada PO-235
Por Redacción |
-
A terceira fase da reforma da PO-235, entre Seixido e Portela da Cruz, custará 4 millóns
Por Redacción |
-
A tramitación da terceira e última fase de mellora da PO-235 na Lama entra na súa última fase
Por Redacción |
-
A Xunta constrúe unha nova senda peonil no concello da Lama
Por Redacción |