‘O saber das mulleres’, campaña coa que Poio reivindica a igualdade o 8M
Por Redacción
‘O saber das mulleres’. Con este lema, o Concello de Poio deseña unha completa programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, no municipio. Durante as vindeiras semanas haberá actividades pensadas para a cidadanía en xeral, para colectivos específicos e para o tecido educativo.
A través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) encárganse da programación, que a concelleira responsable, Silvia Díaz, deu a coñecer este venres nun acto no que tamén participaron a directora e a psicóloga do CIM, Raquel Morales e Lidia Fazanes.
O acto central do programa terá lugar o vindeiro sábado 5 de marzo no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. Ás 12.30 horas, representantes das asociacións do Consello Municipal da Muller van presentar unha intervención artística que ten como obxectivo "poñer en valor a relevancia da cultura en feminino e contribuír ao empoderamento das mulleres a través do coñecemento".
A intervención correrá a cargo da artista Tania Solla, que xa fóra a encargada do deseño do mural realizado no muro exterior do campo de fútbol da Seca na edición de 2021.
A programación tamén inclúe un parón institucional e a lectura dun manifesto ás portas da Casa Consistorial o propio 8 de marzo, ás 12.00 horas.
Ademais, o día 30 celebrarase a Mesa Local de Violencia de Xénero.
Unha das principais novidades que se inclúe este ano na programación do 8-M é o curso de formación ‘Espazo Empoder@’, que se desenvolverá entre os días 9 e 25 de marzo e que estará dirixido a mulleres en situación de desemprego, que sexan usuarias do CIM e do Centro de Servizos Sociais.
Ademais, un ano máis o alumnado de Primaria e Secundaria será un dos colectivos nos que se centre o foco. A concelleira de Igualdade incide na importancia de "ofrecer pautas, ferramentas e iniciativas á mocidade que sirvan para fomentar a igualdade de xénero e a detectar comportamentos machistas".
Está previsto que nos CEIPs de Poio se leve a cabo o proxecto ‘Precursora, conta comigo’. Trátase dunha iniciativa que inclúe sete sesións de contacontos os meses de abril, maio e xuño sobre mulleres precursoras galegas, que abriron camiño en distintos eidos que estaban acaparados polos homes.
O IES acollerá o proxecto ‘Novas masculinidades e empoderamento feminino’, no que participarán, en diferentes grupos, estudantes de cuarto de ESO e primeiro de Bacharelato. Estas sesións comezarán o 21 de marzo e prolongaranse ata o 7 de abril.
Silvia Díaz recoñeceu a todos os grupos políticos da Corporación a súa implicación á hora de impulsar a moción conxunta, aprobada por unanimidade no pasado Pleno ordinario, con motivo do Día Internacional da Muller.