Aprobado o convenio para mellorar a senda peonil EP-0104 ao seu paso por Vilaboa
Por Redacción
Aprobado o convenio entre a Deputación e o Concello de Vilaboa para executar as obras de mellora da seguridade viaria e peonil na EP-0104 Ramal Igrexa de Figueirido.
A actuación consistirá na construción dunha senda peonil ao longo dos 636 metros que ten esta estrada provincial, que remata na Igrexa de Figueirido, un viario cun importante tránsito peonil xa que serve de acceso á citada igrexa e ao cemiterio.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que se trata dun "cambio transcendental no modelo de entender a mobilidade das infraestruturas para garantir que as persoas sexan o centro".
Con esta actuación buscarán mellorar as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas que transitan por esta estrada, que na actualidade ten dobre sentido de circulación e unha sección de plataforma reducida con beiravías de escasa entidade e sen beirarrúas ou sendas, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para as persoas usuarias.
Tamén contemplarán obras de pavimentación, drenaxe das augas pluviais e reposición de servizos afectados pola execución das obras, ademais de outras actuacións como a mellora das actuais paradas de bus; a rehabilitación do firme e a correcta delimitación do espazo da plataforma da estrada; a habilitación de pasos peonís sobreelevados e dun tramo de calmado de velocidade nas inmediacións do cemiterio de Santo André de Figueirido.
Así mesmo, acondicionarán e mellorarán a fronte das parcelas con edificacións situadas na marxe esquerda e os actuais dispositivos hidráulicos. Estes traballos os completarán coa disposición de mobiliario urbano ao longo da senda, consistente en bancos de pedra con asentos de madeira e papeleiras, así como coa mellora da sinalización vertical e o repintado das marcas viarias
Para esta obra investirán máis de 500.000 euros, dos cales a Deputación asume o 70% e o Concello o 30% restante. A administración municipal xa aprobou solicitar a financiación desta aportación e das expropiacións a través dunha achega do Plan Concellos 2022-2023.