Detectan desprendementos no muro de contención da praia de Fontenla
Por Redacción
Diversos fenómenos meteorolóxicos costeiros, entre eles os fortes ventos e a ondada, provocaron desprendementos nunha parte do muro de contención da praia de Fontenla, en Noalla.
A Policía Local de Sanxenxo elaborou un informe sobre os datos que o Concello remitiu xa ao servizo provincial de Costas para a súa reparación con moita brevidade.
O muro afectado atópase ao fondo da praia e sostén o camiño de acceso ao areal.
Mentres non se repare, a zona quedará sinalizada para evitar riscos e que ninguén poida acceder á área de desprendemento.
O pequeno areal de apenas 100 metros está incluído no convenio Ramsar, Rede Natura 2000 e está considerado un Lugar de Importancia Comunitaria, así como unha Zona de Especial Protección para as Aves.