A Deputación mobiliza 1.7 millóns de euros máis do Plan Concellos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva deu conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados este venres pola Xunta de Goberno Provincial entre os que destacaron novos investimentos do Plan Concellos por un montante global de 1.7 millóns de euros.
Concretamente, deron luz verde a un investimento de 919.000 euros da Liña 1 do este plan que beneficiarán á Illa de Arousa, Catoira, Arbo, Mondariz Balneario, Vilagarcía, Meis e Valga; e outros 108.000 euros da Liña 3 de emprego, cos que Ribadumia poderá contratar a 12 persoas.
Ademais, aprobouse o expediente para contratar, por preto de medio millón de euros, a mellora da estrada provincial EP-2502 Cerquido-Ribadelouro, no municipio de Tui.
Carmela Silva tamén anunciou que "aprobamos as bases das axudas para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia machista nos concellos de menos de 20.000 habitantes", aos que se destinan 230.000 euros con tal fin.
"Nótase moito que nesta Administración hai unha área de Igualdade", dixo Carmela Silva en referencia á "transformación" que ao longo destes sete anos percíbese no "compromiso" por parte dos concellos. Así, destacou que o ano pasado todos os concellos de menos de 20.000 habitantes presentaron proxectos neste ámbito.
Finalmente, a Xunta de Goberno Provincial aprobou as bases das axudas para que as entidades deportivas organicen competicións. Son 250.000 euros, en dúas liñas de actuación, unha para oficiais e federadas como un campionato ou copa de España, Europa ou do Mundo e outra liña para competicións oficiais ou non e de calquera ámbito territorial.
Relacionadas:
-
Tenso debate na Deputación sobre a sentenza dos bolseiros con críticas de Carmela Silva ao uso da TVG "para maior gloria do PP"
Por Anxo Lourido |
-
Despois dun ano de ausencia pola pandemia, a Deputación recupera a exposición da camelia
Por Redacción |
-
A Deputación reparte 26 millóns de remanentes entre todas as áreas de goberno e para a xestión de fondos europeos
Por Oskar Viéitez |