O punto limpo móbil de Portas, Moraña e Campo Lameiro fai escala no colexio Domingo Fontán
Por Redacción
A entrada en funcionamento do novo sistema de Punto Limpo Móbil que percorre os distintos lugares dos municipios de Portas, Moraña e Campo Lameiro foi o motivo da visita do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, e a concelleira Ana Peña ao colexio Domingo Fontán para participar nunha iniciativa divulgativa sobre este novo servizo.
A cidadanía poderá gozar agora dun novo modelo de reciclaxe para diferentes residuos, que facilitará a correcta xestión dos residuos domésticos.
O funcionamento do servizo está baseado nun camión e unha plataforma que se deixa no lugar desexado, a cal está dividida nas diferentes fraccións nas que se pode separar con eficiencia para reciclar, como por exemplo os pequenos electrodomésticos, pilas, papel ou vidro, entre outros residuos.
Con esta iniciativa preténdese sensibilizar á mocidade e á veciñanza en xeral na necesidade de reciclar para protexer o medio ambiente e loitar contra a crise climática.
Segundo o alcalde Ricardo Martínez, “con esta iniciativa pretendemos achegar á cativada esta nova proposta para fomentar a conciencia cidadá na importancia da separación e da reciclaxe. Queremos animar a todos os veciños e veciñas a separar correctamente os residuos e usar este novo servizo para facilitar esta acción de futuro e baseada nunha maior concienciación cívica sobre a importancia de reciclar e de defender o medio ambiente”.