Cruz Vermella conmemora o 8M co lema ‘Xúlgate menos, abrázate máis’
Por Redacción
Con motivo do Día Internacional da Muller, Cruz Vermella en Pontevedra vai desenvolver diferentes accións de sensibilización durante toda a semana, entre as que destacan un taller de autocoidado no cal se proporcionarán coñecementos en torno ao coidado da área física, da área psicolóxica e da área social, proporcionado rutinas diarias de autocoidado; un vídeo fórum sobre cuestións de xénero e actividades concretas nos talleres do programa de persoas maiores. Todo isto dirixido ás mulleres dos distintos programas de Cruz Vermella.
Pola súa banda, desde Cruz Vermella Mocidade realizaranse actividades cos menores de Promoción do Éxito Escolar e do proxecto PINEO.
As campañas do 8 de marzo de Cruz Vermella Mocidade ‘Mulleres en poder’, ‘Incuestionables’ e ‘Entrelazadas’ aglutínanse este ano baixo o lema ‘Xúlgate menos, abrázate máis’ e a proposta para que as mulleres rompan co autoxuízo negativo que segue presente en estruturas sociais, políticas, económicas e mesmo emocionais.
Para reverter o diálogo interno, Cruz Vermella Mocidade vaise centrar na importancia de eliminar os pensamentos negativos que distorsionan a realidade e xeran emocións e condutas inadecuadas. "O ideal é que nos deamos conta de como nos falamos, para modificar o diálogo e crealo en positivo e construtivo", manifestan desde a organización en Pontevedra.
Con estas accións, Cruz Vermella pon de manifesto a necesidade de continuar traballando para conseguir unha igualdade efectiva entre homes e mulleres, que permita crear unha sociedade xusta onde todas as persoas teñan os mesmos dereitos e oportunidades.