8M | Un traballo do colexio de Marcón, entre os premiados no concurso escolar de carteis da Xunta
Por Redacción
Un traballo realizado no colexio público de Marcón resultou premiado este 2022 no concurso escolar de carteis que cada ano convoca a Xunta de Galicia con motivo do Día internacional da muller. O cartel, 'A igualdade está nas nosas mans', quedou no segundo posto na categoría de educación infantil.
A alumna que elaborou o cartel gañador, Nadia Fernández Vázquez, de primeiro de primaria, acompañada polo resto do alumnado da súa clase, a titora, Silvia Puga López, e a xefa de estudos centro, María Jesús Varela, acudiron este martes ao acto de entrega de premios celebrado no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, que presidiu a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
No acto en Santiago, Nadia Fernández expuxo brevemente como foi o proceso de elaboración do traballo. Despois do acto, esta alumna e o resto de compañeiras e compañeiros entregaron ás autoridades presentes un pequeno agasallo: un marcapáxinas con forma dos globos da igualdade e co lema do seu cartaz 'A igualdade está nas nosas mans'.
Nadia e os seus compañeiros e compañeiras traballaron na clase sobre a igualdade e tamén sobre as desigualdades que aínda a día de hoxe hai entre homes e mulleres en moitos ámbitos. Segundo explican desde o centro, decatáronse de que esa desigualdade non existía no seu colexio, xa que nel "as nenas e os nenos fan as mesmas cousas e teñen os mesmos dereitos e deberes". "Se isto é así é porque a igualdade depende de nós, é porque a igualdade está nas nosas mans", sinalan desde o colexio.
O debuxo de Nadia inclúe 4 nenas paseando por un xardín con globos de igualdade e protexidas por uns "fentos especiais que as protexen" e na parte superior debuxou unha tormenta. Despois da tormenta, saíu o sol e o arco da vella. O cartel ten un marco de distintas cores porque a Nadia gústanlle moito as cores e a luz.
A conselleira reivindicou o papel da mocidade como "embaixadora" da igualdade en Galicia, un rol que cobra inda máis importancia por ostentalo persoas que, pola súa idade, teñen unha visión do mundo inda "sen tabús, sen estigmas nin dobres morais".
Na actual edición presentáronse 57 traballos, dos que resultaron gañadoras as propostas de centros de Guitiriz (Lugo), Arteixo (A Coruña) e do Porriño (Pontevedra). Tanto as creacións que quedaron nos primeiros postos, como as dos segundos -que recaeron nos centros de Marcón e noutros de Vigo e Chantada (Lugo)- nas tres categorías convocadas, ilustran a campaña que polo 8-M está a desenvolver a Xunta para divulgar o lema que tamén saíu do certame: 'A igualdade está nas nosas mans'.
Lorenzana destacou a calidade das propostas "con mensaxes importantes, orixinais e creativas", e agradeceu ás persoas docentes que acompañaron no proceso por formar ás rapazas e rapaces na igualdade de dereitos e de oportunidades sen discriminación de ningún tipo por razón de xénero.
Co concurso a Xunta busca cada ano fomentar a reflexión sobre as desigualdades que aínda persisten entre mulleres e homes e facelo desde unha perspectiva diferente, a dos máis pequenos e a mocidade, "porque vós tedes unha forma de ver o mundo máis auténtica: sen tabús, sen estigmas nin dobres morais", remarcou Lorenzana.
A conselleira aproveitou a conmemoración do 8-M cos escolares, para poñer en valor que o sistema educativo galego foi un dos primeiros de Europa en incluír dúas materias de libre configuración sobre igualdade, en 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria e para o alumnado de Bacharelato. Galicia tamén conta desde o ano 2020 cunha guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo, e foi a primeira comunidade en ter un protocolo para a prevención, detección e intervención do ciberacoso.
Lorenzana rematou a súa intervención animando ás rapazas e rapaces a seguir traballando "por facer viral a loita pola igualdade os 365 días do ano".