A UNED conmemora o 8 M cunha conferencia sobre o papel das mulleres no mar
Por Redacción
O Centro Asociado á UNED en Pontevedra, que dirixe Víctor González Sánchez, conmemora o 8 de Marzo cunha conferencia titulada “Mujeres de papel no mar galego”, así como con distintos accións reivindicativas que van desde iluminar a fachada e varias dependencias do centro en cor violeta ata deseñar no seu emblemático xardín unha estrutura que reproduce a data específica do 8- M combinada con flores e plantas entre as que predomina a cor morada.
O centro universitario a distancia programa para este martes unha conferencia a cargo de José María Leal Bóveda, licenciado en Xeografía e Historia, Máster en Xestión do Patrimonio Cultural e investigador externo da USC, que será presentado polo propio director do centro.
Esta conferencia versará sobre o papel reivindicativo da muller no contexto das loitas contra os cataláns, fomentadores da pesca na Galicia dos século XVIII e XIX. Tamén se analizará o papel das mulleres nos movementos asociativos no mundo da conserva a principios do XIX, durante a República e na ditadura franquista.
Leal Bóveda introducirase en aspectos pouco coñecidos como o rol da muller proletaria na constitución de compañías de pesca, percorrerá a traxectoria de varias mulleres navieiras, empresarias de salgadura e conserva; as medidas represivas contra elas: a prohibición de acudir á sega a Castela, a prohibición de acudir en solitario ao porto en presenza de soldados ou a prohibición de acudir á descarga nocturna das lanchas de pesca.
Por outra banda, este historiador realizará, durante a conferencia, un percorrido pola historia do asociacionismo feminino no mundo do mar, as protestas contra os conserveiros na ditadura franquista sen perder de vista a situación actual da muller nos distintos sectores de actividade.
Relacionadas:
-
O Goberno buscará fórmulas de colaboración coa UNED de Pontevedra no seu 50 aniversario
Por Redacción |
-
Pazos galegos, feminismo ou psicoxeriatría serán obxecto dos próximos cursos da UNED
Por Redacción |
-
A UNED fortalece a súa actividade con cursos divulgativos e de preparación laboral
Por Redacción |
-
Fernández de la Vega inaugura a aula magna da UNED e imparte unha lección maxistral sobre "educación e igualdade"
Por Redacción |
-
Os xardíns da UNED en Monte Porreiro, a un último paso de ter uso público e acceso libre
Por Redacción |