Os xardíns de Pontevedra falan de feminismo e loita obreira
Por Manu Otero
Os "Xardíns que Falan", o proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para converter os xardíns do casco antigo de Pontevedra en elementos vivos, dinámicos e con mensaxe, volven alzar a súa voz e amosar o seu lado máis reivindicativo.
Así, con motivo deste 8 M, conmemoración do Día Internacional da Muller, o Servizo Municipal de Parques e Xardíns levou a cabo a renovación das flores e plantas da intervención de katiuskas violetas que se instalara na Praza de España durante o pasado 25 N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Tal e como explica Iván Puentes, "o que fixemos foi actualizala, cambiando a planta, pero mantendo o mesmo deseño, motivo e composición".
No caso dos Xardíns de Casto Sampedro (Praza de Ourense), Desenvolvemento Sostible realizou unha intervención con dúas bágoas de flores vermellas, diversos elementos que evocan á clase traballadora e unha bandeira de Galicia, coa que se pretende conmemorar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
"A nosa intención é lembrar o acontecemento que deu orixe á declaración deste día, cando a policía franquista disparou contra unha protesta nos estaleiros ferroláns de Bazán, asasinando aos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla e ferindo a medio centenar de manifestantes", sinala o edil.