A renovación da pista do Pavillón da Seca custará uns 200.000 euros
Por Redacción
A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, anunciou este venres que o Concello ten previsto realizar un investimento duns 200.000 euros aproximadamente para acometer a mellora integral da superficie do pavillón polideportivo da Seca.
A edil do Goberno local, que xa avanzou esta actuación aos clubs e entidades que utilizan habitualmente estas instalacións para adestrar e competir, explica que se trata dunha obra "moi necesaria", para arranxar as deficiencias e os desniveis detectados na pista e que "durante o ano pasado se incrementaron, polo que é preciso actuar para garantir unhas condicións óptimas para os usuarios e usuarias da infraestrutura".
A responsable de Deportes sinala que o proxecto se levará a cabo tendo en conta os informes técnicos e o estudo geotécnico levado a cabo. "Estamos a falar dunha obra importante, xa que estas deficiencias non se poden arranxar con traballos puntuais. Trataremos de acometelos fóra da temporada, para causar as menores molestias posibles aos clubs", garante Caldas Moreira. Deste xeito, o pavillón da Seca pasará a contar cunha nova superficie homologada e de última xeración.
A actuación financiarase a través do Remanente de Tesourería, correspondente á liquidación do Orzamento de 2021, cuxa contía total supera os 2,5 millóns de euros. A concelleira de Deportes sinala que este tema será tratado na vindeira Comisión de Facenda e, unha vez reciba o visto bo do Pleno, "poderemos comezar con todos os trámites para a licitación e adxudicación do proxecto". A maiores, Marga Caldas adianta que o Concello tamén se marca como obxectivo a medio prazo actuar no pavillón do CEIP Lourido, para que estas instalacións poidan acoller no futuro competencias federadas.
"Tamén estamos xestionando a construción dun novo pavillón para Poio, porque somos conscientes da importancia de contar con infraestruturas suficientes para dar resposta ás necesidades do tecido deportivo local", recalca.
A concelleira de Deportes resalta tamén o "contacto permanente" que se mantén coas entidades e clubs do municipio para "coñecer e dar resposta ás súas necesidades". Esa é a liña que se está a manter á hora de impulsar outros proxectos pensados para rehabilitar e mellorar infraestruturas deportivas, como é o caso da dotación de novo céspede sintético para o campo da Seca, un proxecto que actualmente xa se está a tramitar.
No caso do pavillón, cómpre lembrar que estas dependencias xa experimentaron unha mellora importante en 2021, coa dotación de nova luminaria e a renovación da fachada e da cuberta, mellorándose así a súa eficiencia enerxética. Esta actuación financiouse a través de fondos IDAE, obtidos a través do departamento de Promoción Económica e Urbanismo.
Relacionadas:
-
Unha gran parte do remanente de tesourería de Poio destinarase a infraestruturas
Por Redacción |
-
Marga Caldas: "Chegou o momento de que o motor deportivo de Poio volva funcionar a pleno rendemento"
Por Redacción |
-
O pavillón da Seca e o ximnasio municipal de Poio estrearán 2021 cunha mellor eficiencia enerxética
Por Redacción |