Axilizan as licenzas de demolición para edificios de Pontevedra en "malas condicións"
Por Alejandro Espiño
Ata cinco edificios de Pontevedra desaparecerán da trama urbana nos próximos meses. Para todos eles, o Concello aprobou as correspondentes licenzas de demolición, un proceso que os técnicos de Urbanismo axilizaron nas últimas semanas.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que esta instrución deuse buscando solucionar os problemas de convivencia e seguridade que estaban a provocar edificios que estaban en "malas condicións".
Aínda que a maior parte destas derribas están asociadas con novas construcións, nalgúns casos por agora só existe o desexo dos propietarios de derrubar a edificación.
Aos inmobles que xa contaban con licenza de derriba, situados na Rúa da Barca 9 e en Virxe do Camiño 8, o Concello sumou este luns outros tres.
Así, serán demolidos o edificio situado na rúa Rouco 8, na Rúa Estación 14 e un último inmoble situado no lugar da Meán, en Cerponzóns.
Esta reorganización do traballo no departamento municipal de Urbanismo, segundo Gulías, terá un "impacto determinante" neste tipo de procesos.