A licitación da piscina de Vilagarcía recibe polo menos unha oferta e desbloquea o proxecto
Por Redacción
A falla de que a mesa de contratación se reúna este xoves e de que comprobe que toda a documentación é correcta, o proxecto da ampliación da piscina de Fontecarmoa quedará definitivamente desbloqueado xa que ao menos hai unha oferta. De estar todo en regra, o técnico ou equipo de técnicos gañador terá despois tres meses e medio para definir o proxecto.
Esa proposta técnica será a que logo saia a licitación, e a empresa ou UTE terá dez meses máis para desenvolver a obra. En total, o presuposto é de 1,6 millóns de euros. Tendo en conta que se trata dunha obra financiada a través dos Fondos FEDER, dentro da estratexia "Vilagarcía Avanza", a nova piscina terá que ser unha realidade antes de que conclúa o ano 2023.
Unha suba do 20% no presuposto inicial, xustificada polo crise de subministros e a elevación dos prezos, parece ter bastado para que desta volta si haxa interesados en abordar un dos proxectos máis ambiciosos do actual mandato: a ampliación da piscina. Con anterioridade, a convocatoria quedará deserta en dúas ocasións. Desligar a redacción do proxecto -99.000 euros- da dirección de seguridade –a presupostar aparte- tamén contribuíu a que desta vez si haxa candidatos.
A expensas de comprobar a documentación e propoñer a adxudicación á xunta de goberno, o certo é que a demandada ampliación da piscina está agora moi máis próxima. As actuais instalacións son utilizadas por unha media de 3.500 persoas ao mes, entre socios, non socios, usuarios da Fundación de Deportes e clubs deportivos, o que evidencia a necesidade de incrementar a oferta.
Para iso, o proxecto a realizar por quen resulte adxudicatario deberá ter en conta non só a construción dun novo vaso de 25x12,5 metros baixo un edificio propio, senón a conexión deste co actual a través dun corredor. Igualmente, deberá prever a reforma dos vestiarios actuais, a substitución da actual fachada de vidro da fachada sur da piscina actual, e a dotación de vestiarios e unha bancada no novo edificio, para favorecer o desenvolvemento de competicións.
Ata o de agora, o concello xa investiu 114.000 euros na compra do solar necesario para a ampliación, ten reservados 600.000 euros de fondos propios para o proxecto e financiará o resto, ata o 1,6 millóns necesarios, cos fondos FEDER ("Vilagarcía Avanza").