Empeza a derriba da estrutura exterior do vello mercado de Sanxenxo
Por Redacción
Este xoves comezou a derriba da estrutura exterior do edificio do vello mercado de Sanxenxo, na Rúa Madrid.
Este inmoble foi construído en 1950 e albergou a praza de abastos de Sanxenxo ata o pasado mes de febreiro, pero unha vez trasladados os vendedores ao local provisional na Rúa Progreso, o Concello comezou coas tarefas de baleirado interior do inmoble, desmonte da cuberta e agora é a estrutura exterior a que pasa pola picaraña.
Os traballos prolongaranse durante os próximos días e arrancaron polo lateral do edificio lindeiro coa Rúa Constitución polo que se cortou o tráfico neste vial de forma puntual por cuestións de seguridade e volverase a abrir unha vez se avance coa demolición. Unha vez derrubado o edificio, retirarase todo o entullo e valarase o espazo.
A derriba realízase despois dun estudo previo do estado das vivendas e baixos lindeiros para realizar os traballos con total garantía.
O novo mercado ten un orzamento de execución superior aos catro millóns de euros. A opción preferente do goberno para o financiamento do mercado son os fondos europeos xa que o proxecto obtivo unha boa puntuación e espérase que na próxima convocatoria poida ser financiado por esta vía, aínda que xa mantivo tamén contactos con outras administracións.
O proxecto gañador do concurso de ideas para reformar edificio do mercado de abastos por Sanxenxo foi elaborado polo arquitecto Toni Bosch Miquel, do estudo de arquitectura Gemma de Lleida.
Segundo describe o Concello, "a proposta ofrece un deseño translúcido e sostible, cun modelo enerxético bioclimático e funcional que contará con amplos espazos diáfanos adaptables a distintos usos".
Relacionadas:
-
Luz verde ao convenio entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo para soterrar o tráfico na rúa Madrid
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Ultiman os traballos para desmontar o vello mercado de Sanxenxo antes de derrubalo
Por Redacción |
-
Xa está activo o novo mercado provisional de Sanxenxo na rúa Progreso
Por Redacción |
-
O mercado de Sanxenxo reabrirá o venres na súa nova localización da rúa Progreso
Por Redacción |