A desafección das vivendas baleiras de colexios públicos, proposta do BNG de Marín para acoller familias refuxiadas
Por Redacción
Tras participar nun encontro de agrupacións municipais para valorar as iniciativas que se poden desenvolver desde o Concello de Marín para axudar ás familias que cheguen procedentes de Ucraína, o BNG local propuxo dúas medidas.
Segundo explica a súa portavoz, Lucía Santos, "calquer tipo de colaboración que se leve adiante debe ir coordinada e organizada ben a través da FEGAMP ou ben polas ONGD que están traballando no lugar e saben perfectamente cáles son as necesidades".
Con todo, máis aló diso, Santos propuxo ao goberno municipal solicitar ao Ministerio de Educación a desafección das vivendas baleiras dos colexios públicos, para que así poidan ser rehabilitadas e postas a disposición tanto de familias refuxiadas como de familias en risco de exclusión.
Trátase, defende a portavoz nacionalista, de vivendas que no futuro poderían ser usadas como locais sociais por parte de colectivos e organizacións da vila.
Ademais o BNG pediu ao Concello que elabore un rexistro de vivendas que os veciños desexen poñer ao dispor de persoas refuxiadas por un tempo determinado.