O delegado do Goberno, sobre as declaracións da comisaria: "non hai nin escusas nin xustificación e é intolerable"
Por Natalia Puga
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, foi moi crítico este martes coa xa ex comisaria xefa da Policía Nacional de Pontevedra, Estíbaliz Palma, e as polémicas declaracións polas que foi cesada pola Dirección Xeral da Policía: "Ya les gustaría a algunas que las violara un UIP".
O máximo representante do Goberno en Galicia fixo unha "condena total" a estas declaracións e valorou que "non hai nin escusas nin xustificación e é intolerable este tipo de declaracións", realizadas pola comisaria Palma nunha comida con cargos e axentes da Policía Nacional o pasado 11 de marzo en Vigo.
Miñones censurou "evidentemente" as afirmacións de Estíbaliz Palma e insistiu en que "só hai unha linguaxe válida, que é a da igualdade".
Ademais, defendeu a actuación do Goberno central, pois a Dirección Xeral da Policía do Ministerio do Interior procedeu ao cesamento inmediato. "Creo que quedou evidenciado que actuamos con celeridade e con exemplaridade e é o que temos que facer", sinalou, en declaracións aos medios de comunicación en Santiago de Compostela.