O 6% dos condutores con permiso foron sancionados o ano pasado na provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O 6% dos condutores con permiso da provincia de Pontevedra foron sancionados o ano pasado. Este foi un dos datos facilitados pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba que compareceu este mércores en rolda de prensa xunto co xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira e a responsable de Tráfico de Pontevedra, Paula Yubero, para presentar as novidades da nova Lei de Tráfico que entrou en vigor o pasado luns e pola que se retiran máis puntos por usar o móbil, non poñer o cinto ou infrinxir a distancia con ciclistas.
A nova normativa endurece a retirada de puntos do carné en infraccións como conducir co móbil na man (sobe de tres a seis), non usar correctamente dispositivos de seguridade (de tres a catro) ou infrinxir a distancia de seguridade cun ciclista (de catro a seis). A modificación manterá as sancións económicas que xa estaban establecidas.
A Lei tamén prohibe superar a velocidade da vía ao adiantar e penaliza a quen leve nos seus vehículos detectores ou inhibidores de radar.
Maica Larriba destacou que a lei se actualiza "con el fin de proteger a los más vulnerables", e "adaptarse a las nuevas tecnologías".
A subdelegada informou que o pasado ano 2021 na provincia de Pontevedra os condutores perderon un total de 129.887 puntos dos seus carnés. Rexistráronse un total de 42.592 sancións e sancionouse a 38.206 persoas.
Por volume, o maior número de sancións corresponde ao exceso de velocidade, cun total de 24.406 condutores. Por alcol, 4.177 condutores; por drogas, 2.701; polo mal uso do cinto de seguridade ou dos elementos de suxeición de menores, 2.504; polo uso do teléfono móbil durante a condución, 3.970 condutores. O resto de sancións son por mal uso do casco, saltarse un "stop", semáforos, adiantamentos indebidos ou condución temeraria.
Paula Yubero engadiu que o ano pasado as distraccións ao volante estiveron presentes no 28,5% dos accidentes mortais rexistrados na provincia polo que cre que esta modificación da lei "pode contribuír a reducir os accidentes".
A subdelegada do Goberno tamén informou de que desde o 1 de xaneiro e ata o 15 de marzo, 2 persoas perderon a vida nas estradas pontevedresas, rexistráronse 12 feridos graves e 186 leves nun total de 139 accidentes con vítimas.
Relacionadas:
-
A campaña para controlar o uso do cinto no coche finaliza con 27 denuncias por manexar o móbil ao volante
Por Redacción |
-
Tráfico intensifica os controis co Nadal "para que todos poidan volver coas súas familias"
Por Natalia Puga |
-
As novas normas de tráfico, ao detalle
Por Natalia Puga |
-
"Podemos crer que un só segundo non vai afectar á nosa capacidade de control do vehículo, pero non é certo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |