Sesións de divulgación escolar no CIF de Lourizán promoverán a bioeconomía circular e o valor da industria forestal
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, asinou un convenio coa Federación empresarial de aserradoiros e remanentes de madeira de Galicia (Fearmaga) coa intención de que se desenvolvan actividades que permitan divulgar os valores forestais nos centros educativos.
O Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán será o encargado da organización de sesións de contacontos e de charlas divulgativas entre os escolares sobre a bioeconomía circular e sobre a achega da industria forestal. Establecerán un calendario de visitas ao xardín botánico e proporcionaranse materiais para realizar as actividades formativas.
Pola súa banda, Fearmaga encargarase de organizar as sesións de contacontos centrados no tradicional conto dos tres porquiños 'Maruxa, Xaquín e Fuco difunden a bioeconomía circular', destinado a menores que cursan infantil e primeiro ciclo de primaria. As sesións difundiranse tamén a través de internet.
Estudantes de educación secundaria recibirán coñecementos sobre a importancia dos bosques desde un punto de vista social, económico e ambiental.
Por outra banda, con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques o luns 21, a Xunta promove plantacións de especies autóctonas en distintos puntos de Galicia. Na provincia de Pontevedra será este venres 25 na Escola unitaria do Souto, en Moraña.