A Escola Unitaria de Lamas celebra o Día da Árbore cunha plantación
Por Redacción
Ainda que a data oficial é o 21 de marzo, o alumnado da Escola de Educación Infantil de Lamas, no Concello de Moraña, celebrou este venres o Día da Árbore cunha plantación de especies autóctonas.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Moraña, José Cela; do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; e doutros representantes municipais; asistiu esta mañá a este acto, que consistiu na colocación dun pradairo e unha faia, dúas especies frondosas de gran tamaño, na zona exterior desta escola unitaria.
Este acto simbólico contou coa participación da mestra e das 12 alumnos deste centro educativo público emprazado no lugar do Souto.
"É fundamental lembrar constantemente a importancia que teñen os bosques, xa que controlan a erosión do solo, evitan inundacións e reducen a contaminación posto que consumen dióxido de carbono da atmósfera durante o seu crecemento e reducen o efecto invernadoiro, polo que dende a Xunta temos un gran compromiso coa súa preservación, conservación e impulso para coidar a nosa natureza, o noso medio ambiente e os nosos ecosistemas", explicou o representante autonómico.
Luis López engadiu que actos coma o de hoxe en Moraña teñen unha gran importancia, "xa que máis alá das grandes iniciativas que impulsamos dende a Xunta para potenciar a nosa riqueza forestal, estas pequenas accións simbólicas coas nenas e nenos serven de moito para a súa concienciación e nas súas mans está o futuro de Galicia".