Electrificar a liña ferroviaria e mellorar os accesos terrestres, retos de futuro para o Porto de Marín
Por Manu Otero
O presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez Dapena, visitou este martes o Porto de Marín para reunirse co presidente da Autoridade Portuaria, Jose Benito Suárez Costa e o equipo directivo da entidade. O encontro serviu para abordar os proxectos que o porto ten en marcha, así como os principais retos e tarefas pendentes da infraestrutura.
En marcha atópase a ampliación do novo peirao comercial de Marín, o aumento de calados na zona comercial ou a recente posta en marcha dunha liña ferroviaria regular semanal co porto de Alxeciras para o transporte de mercadoría refrixerada.
No partado de tarefas pendentes fíxose incapié na estratexia de procura de chan loxístico na contorna do porto para o desenvolvemento de actividades de valor engadido sobre os fluxos de mercadorías do porto.
Ademais, os dirixentes abordaron tamén a situación dos accesos terrestres ao porto, que precisan un aumento de gálibos para a recepción e exportación de pezas eólicas de maior diámetro. Outra necesidade é a electrificación do ramal ferroviario ao Porto.
Sobre este asunto, Suárez Costa explicou a importancia que ten este servizo para clientes de toda a península xa que por Marín entran e saen diariamente por ferrocarril mercadorías tan variadas como graneis agroalimentarios, bobinas de chapa de aceiro, madeira, cemento ou contedores. Pola súa banda, Rodríguez Dapena destacou que Marín é a mellor mostra do esforzo que o sistema portuario está a facer por fortalecer e ampliar o transporte intermodal no noso país
No encontro fíxose repaso doutros asuntos pendentes como a ampliación de prazos concesionales solicitada por varias empresas do porto ou a necesidade de establecer un novo punto de vertedura de material de dragaxe.
Tras este cume, o presidente de Portos do Estado recibiu a representantes empresariais da comunidade portuaria, entre eles ás principais empresas consignatarias e estibadoras así como ao presidente da Federación de Usuarios do Porto. Rodríguez Dapena interesouse pola problemática que están a atravesar os usuarios do porto marinense con motivo da invasión de Ucraína e as repercusións enerxéticas.
A visita a Marín serviulle tamén para manter unha sesión de traballo con Maica Larriba, subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra.
A mandataria trasladoulle as principais necesidades a cubrir nos tres portos de interese xeral do Estado na provincia: Vigo, Vilagarcía e Marín. Unhas actuacións centradas nos Puntos de Inspección Fronteirizos e que pasan principalmente por pola mellora das instalacións do porto de Vigo, onde se rexistra a maior actividade de importación, así como pola necesidade de modernizar e integrar a xestión informática das distintas administracións que actúan no control de mercadorías.