Denuncian unha agresión a un vixiante do Hospital Provincial
Por Redacción
A federación de Servizos da CIG denuncia que a agresión sufrida o pasado domingo pola noite por un vixiante de seguridade no Hospital Provincial de Pontevedra, nesta ocasión por parte dun paciente da área de Psiquiatría, evidencia unha vez máis a falta de persoal neste servizo.
Dende a central sindical reclámanlle ao Servizo Galego de Saúde que incremente os medios materiais e humanos, especialmente nas quendas de noite, fin de semana e festivos, nas que unha única persoa ten que encargarse da vixiancia de todo o centro hospitalario.
Segundo explica o responsable do sector de Seguridade da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o incidente no que o traballador sufriu importantes lesións aconteceu ás 00:06 horas do luns 27, cando o vixiante recibiu unha chamada da área de Psiquiatría, na que se estaba a producir un incidente cun paciente.
"Nada máis abrir a porta tras a que se atopaba o persoal sanitario co paciente comezou a recibir golpes que lle provocaron un traumatismo cranioencefálico e facial, unha tendinite no ombro dereito e a rotura de varias pezas dentais, tal e como figura no propio informe médico", indica.
Lembran que non é a primeira vez que se rexistran agresións deste tipo contra o persoal de seguridade, polo que tanto a CIG-Servizos como os membros da CIG no comité de Eulen Seguridad, concesionaria do servizo de vixilancia no Complexo Hospitalario de Pontevedra, levan tempo demandando do Sergas que incremente os medios materiais e humanos deste servizo nas instalacións sanitarias para evitar poñer en risco a integridade do persoal e dos propios pacientes. De feito, o persoal sanitario tivo que axudar nesta ocasión a reducir ao paciente causante da agresión.
Pedro Pérez sinala que "este incremento de medios tense que facer especialmente nas quendas de noite, fin de semana e festivos, nas que presta servizo unha única persoa", polo que CIG reclama tamén máis medios materiais e humanos tanto en Urxencias como no resto de servizos para evitar situacións como a acontecida.
Relacionadas:
-
Un vixiante de seguridade de Montecelo sofre unha brutal agresión preto de Urxencias
Por Anxo Lourido |
-
Xornada de portas abertas para futuros residentes no Hospital Montecelo
Por Redacción |
-
Denuncian un episodio violento dun paciente contra o persoal do centro de saúde de Baltar
Por Natalia Puga |
-
As futuras enfermeiras aprenden claves para detectar casos de violencia machista
Por Redacción |
-
Detido un mozo que escapou do hospital e agrediu un policía na Illa
Por Redacción |