Nova convocatoria de axudas para rehabilitar vivendas en Estribela e no casco histórico pontevedrés
Por Redacción
O Concello de Pontevedra aprobou este mércores en Xunta de Goberno unha nova convocatoria do Plan Estatal 2018-2021 para axudas á actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das áreas de rehabilitación integral (ARI) do núcleo de Estribela e do conxunto histórico de Pontevedra.
A nomeada convocatoria será a última dentro do Plan estatal 2018-2021 e terán un prazo de execución de cinco anos desde a sinatura do acordo.
O obxectivo destas subvencións é o de cubrir parte dos gastos da execución das obras de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de os adecuar aos estándares previstos pola normativa vixente; así como as actuacións previstas nos artigos 36 e 43 do RD 106/2018 do Plan estatal de vivenda.
Os beneficiarios destas axudas poderán ser persoas ou entidades que asuman a responsabilidade da execución integral das actuacións: as persoas usuarias legais, como propietarios/as, comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios, os consorcios e entes asociativos de xestión, arrendatarios ou titulares dalgún dereito de uso.
Esta nova convocatoria contará cun investimento total de 693.929 euros, que poderán ser repartidos en máis de setenta actuacións. O prazo de presentación de solicitudes é de tres meses a contar desde o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do extracto da convocatoria da subvención.
Doutra banda, cómpre lembrar que continúa aberta a convocatoria de axudas de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito das ARI do núcleo de Estribela e do conxunto histórico de Pontevedra dentro dos remanentes do Plan Estatal 2013-2016.
Trátase dunha convocatoria publicada no BOP do 21 de xaneiro do 2022, e que manterá o seu prazo de presentación de solicitudes até o 21 de abril do 2022. O Concello de Pontevedra anima a veciñanza a facer uso destas axudas e así aproveitar os cartos dispoñíbeis no crédito ofrecido. As obras terían que estar finalizadas en setembro do 2022, polo tanto deberían ser pequenas obras de acondicionamento de vivendas, substitución de carpinterías, cubertas, fachadas... cun prazo de execución corto.
Poderán acollerse tamén aquelas obras que estean iniciadas sempre e cando non teñan rematadas as obras no momento da solicitude. É condición indispensable para poder acollerse ás axudas que a vivenda sexa vivenda habitual do propietario, cedida a un familiar ata o terceiro grao ou ben que o seu destino sexa o alugamento.
Relacionadas:
-
Aprobadas novas axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas en Estribela e o centro histórico
Por Redacción |
-
A Xunta tamén subvencionará a rehabilitación enerxética nas segundas residencias
Por Redacción |
-
Pontevedra pedirá fondos europeos para rehabilitar o parque de vivendas de Monte Porreiro
Por Alejandro Espiño |
-
O lateral do Concello e a rúa Pasantería, novos proxectos de rehabilitación no centro histórico
Por Redacción |
-
Vivenda asina co Concello de Pontevedra as axudas para as áreas de rehabilitación
Por Oskar Viéitez |
-
Cinco edificios do centro histórico serán recuperados nunha nova fase da ARI
Por Alejandro Espiño |