A discriminación por razón de idade e a as residencias durante a pandemia, a debate en Pontevedra
Por Mónica Patxot & María José Pita
"A sociedade do século XXI vai cambiar máis pola lonxevidade humana que polo cambio climático. A OMS di que a lonxevidade vai ser a gran revolución do século XXI", manifestaba Miguel Ángel Vázquez, o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría durante a presentación do congreso que se celebrará en Pontevedra.
O 32 Congreso Anual Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX) terá lugar o venres 29 e o sábado 30 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema 'Atención Xerontolóxica e Xeriátrica: idadismo e principios éticos'. Tanto o programa como as normas de inscrición están dispoñibles na web: https://congreso.sgxx.org
Xunto ao presidente da Sociedade, no acto estiveron presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e Ricardo Fra, membro do comité organizador.
Fernández Lores destacaba a importancia de que a SGXX elixa Pontevedra por cuarta vez na última década como sede da súa cita anual, na que se reúnen e intercambian experiencias profesionais do ámbito xeriátrico, tanto sanitario como social.
Indicaba, ademais, que Galicia atópase dentro das rexións da unión Europea cunha media de idade máis ampla e que, dentro de España, só Asturias supera por pouco a Galicia como a Comunidade Autónoma con poboación máis envellecida. De aí o reto de fomentar a calidade de vida das persoas maiores, a independencia e a atención ou os coidados, no caso de ser necesarios.
Neste sentido, Ricardo Fra sinalaba que "Pontevedra é unha cidade moi inclusiva e onde se promove a calidade de vida e o benestar das persoas. Entón, este ano, que queremos tratar dentro do noso congreso temas como empoderamento das persoas maiores, o idadismo e como os trata a sociedade dende un enfoque multidisciplinar, consideramos que Pontevedra pode ser un exemplo de onde poder envellecer".
A PANDEMIA E AS PEROAS MAIORES
O presidente da SGXX explicaba que no Congreso haberá espazo para reflexionar e analizar a atención que as persoas maiores recibiron durante a pandemia a partir de datos preocupantes sobre a mortalidade de persoas maiores aloxadas en residencias, "a maior vergoña que probablemente analicen as xeracións que nos sucedan nos próximos anos".
"En España podemos estimar que das 162.000 persoas que morreron por Covid segundo se publicou hai mes e medio en Lancet, revista que non ter cor político e é de carácter científico, entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2021, o 73% tiña máis de 75 anos; e na primeira oleada morreron aproximadamente 63.000 persoas en residencias de persoas maiores, probablemente por non ser ben atendidas", sinalaba Miguel Ángel Vázquez.
Por unha banda, denuncia que a asistencia sanitaria se pechou para as persoas de maior idade, negóuselles a derivación a centros hospitalarios e tiveron que ser atendidas nas propias residencias, centros que non están destinados a esta función. "As residencias non fallaron, senón as autoridades sanitarias", denuncia.
O alcalde de Pontevedra avanzaba nesta cuestión reivindicando que o Sergas habilite nos centros hospitalarios instalacións que se ocupen dos coidados de enfermidades crónicas da xente maior que, se ben obtén unha boa asistencia nas unidades de Agudos, ao tratarse de padecementos crónicos posteriormente só poden ser acollidos en residencias que non teñen esta función específica. "O que temos que saber é se a sociedade está disposta a incrementar os recursos á Sanidade e ás persoas maiores; Sanidade en xeral e Xerontoloxía e Investigación en particular", reflexionaba o alcalde.
O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría profundizaba no asunto lembrando que a propia OMS advertía que os coidados de longa duración teñen que ser desenvolvidos por todos os países. "Dentro dos hospitais ten que haber atención á cronicidade", demandaba, ao tempo que apuntaba que en Galicia só existen dous servizos específicos en Vigo e Lugo pero que se botan en falta en Pontevedra, O Salnés, Ferrol ou A Coruña.
DISCRIMINACIÓN POR RAZÓN DE IDADE
Toda esta casuistica enlaza cun dos temas centrais do Congreso, o chamado "idadismo", que é a discriminación por razón de idade. Dende cuestións tan graves como a mencionada atención sanitaria das persoas maiores durante a pandemia a situacións habituais que dun xeito aparentemente inocente agochan un alto grao de discriminación.
Como exemplo, Miguel Ángel Vázquez nomeou o 'elder speak', un termo que aínda non ten tradución ao galego (elder en inglés é ancián e speak tradúcese por fala) e que constitúe "unha forma de maltrato ás persoas maiores, esa forma de falarlles infantilizadora, 'ay que bonita eres Manoliña', que desautoriza e rebaixa". Vázquez avoga por unha reflexión e reeducación no xeito en que nos comunicamos. "Temos que aprender como tratar ás persoas maiores, porque cando lle dicimos a unha persoa de 80 anos 'qué guapa, qué joven estás' estámoslle dicindo que a vellez é mala e que está guapa porque parece nova como se ser maior fose algo malo, e ser maior é algo naturalmente e bioloxicamente razonable", matizaba.
ESTRUTURA DO CONGRESO
Todas estas cuestións serán abordadas no Congreso, que xirará ao redor de tres aspectos clave: a atención xerontolóxica e o idadismo; as intervencións xeriátricas e a bioética; e as oportunidades coas novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito da saúde e os apoios.
A previsión é que participen máis de 400 persoas, das que 300 xa están inscritas. Haberá diferentes relatorios de profesionais procedentes de diversos puntos da xeografía nacional e de países como Portugal, Bélxica, Polonia, Arxentina, Colombia ou Brasil, entre outros. Estes relatorios combinaranse con comunicacións científicas e sociais, workshops especializados e cursos dirixidos a profesionais do sector.
Ademais, no marco do 32 Congreso outorgaranse os Premios ao recoñecemento das mellores Comunicacións Sociais, Clínicas e experiencias validadas que buscan promover o coñecemento e o desenvolvemento científico en Galicia, e nomearase á Personalidade Xerontolóxica de Galicia SGXX-2021.
Por primeira vez, o Congreso anual dará cabida a unha actividade lúdica, coa actuación de Deteriorados, un grupo de rock que se enmarca na iniciativa Vulnerables, "un proxecto de innovación social interxeracional para promover o envellecemento activo e desterrar o idadismo", tal e como se presenta na súa web. A agrupación está formada por músicos de diferentes idades con Xaime Fandiño, exdecano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, á fronte.
Relacionadas:
-
Nace unha iniciativa pioneira en España para previr a discriminación por idade
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- "É un reto para a sociedade valorar o papel que poden ter os adultos maiores"
Por Redacción |
-
RADIO.- "Necesitamos centros integrados onde derivar positivos e evitar o contaxio do resto de maiores"
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra acolle o 31 congreso internacional de xeriatría e xerontoloxía
Por Redacción |
-
A Sociedade Galega de Xeriatría propón un convenio en envellecemento activo á Deputación
Por Redacción |