O derradeiro punto de Singer en Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Un histórico comercio desaparece de Pontevedra. A tenda de máquinas de coser Singer, a que desde hai 38 anos e sempre cun sorriso na boca, aínda que cuberta por unha máscara desde a irrupción da covid-19, atendía Josefa González, baixou onte por última vez o enreixado do número 18 da rúa Virxe do Camiño.
Foi un momento moi emotivo, de sentimentos contraditorios. Alivio, por unha banda; pena, por outro. "Quedo coas miñas máquinas e tamén con recordos de moita xente", sostén a propietaria sen poder conter as bágoas.
Pero a xubilación abre un novo mundo para un espírito inquieto e curioso como o de Josefa, que ten incontables plans para gozar do seu merecido retiro. "Voume dedicar a descansar e a cousas que fun deixando pendentes. Agora, en vez de ir ao ximnasio pola tarde cansada de traballar, poderei ir pola mañá. Tamén sairei a camiñar, que me gusta; e a viaxar todo o que poida dentro das miñas posibilidades, que é algo que me encanta", detalla a xa xubilada.
Visitar ao seu fillo que vive fóra de España é outra das súas metas, pero non só pensa en subir a un avión, tamén ten planeado cultivar a mente. "Teño moitas ideas, quero facer algunha cousa relacionada con estudos que non puiden facer e agora me apetece", di antes de desvelar a súa paixón pola historia e as súas ganas de mellorar o seu nivel de inglés.
Dunha grave crise económica, emerxeu esta emblemática tenda da rúa Virxe do Camiño. "A xente dí que agora as cousas están terribles, toda a vida houbo épocas terribles", sostén para quitar ferro ao temor de moitas persoas a unha grave crise económica global provocada pola guerra en Ucraína, a galopante inflación ou os efectos da pandemia.
"Eu estaba encantada en Singer, tiña un soldo moi decente para aqueles tempos. Veu a crise e quedei sen traballo", contextualiza esta incansable traballadora natural de Campo Lameiro, como no 1984 viu oportunidade onde outros vían desgraza. "Puiden poñer a tenda, monteina con moi poucos posibles, por iso vin para aquí, que era o único sitio onde mo podía permitir", detalla.
Refírese Josefa á antiga rúa Virxe do Camiño, unha rúa "horrible, estreita, chea de coches, con pouca luz. Eu viña de General Mola, unha das rúas punteiras de Pontevedra, e chegar aquí foi un cambio tremendo", remarca.
Varias décadas foi capaz de sobrevivir a súa tenda nese ambiente. Pero todo cambiou coa humanización da rúa. "Agora está moito moito mellor, a min beneficioume mogollón. Antes non había sitio para aparcar en ningún sitio, agora poden vir 15 minutos a traer ou deixar unha máquina. E non é mellor só para min, esta rúa desde que a fixeron peatonal pasa mogollón de xente, antes viñan catro pelagatos. Notouse unha melloría grande", agradece.
A tenda sempre foi un lugar de referencia para os amantes e profesionais da costura, pero desde que a noticia da súa xubilación comezou a circular a afluencia de clientes disparouse. "Agora que me vou teño colas", comenta entre risas Josefa.
Non é a única vez na que os clientes acuden en masa ao seu establecemento. Co estalido da pandemia e o confinamento estrito, moitas persoas descubriron o seu gusto pola costura, e a tenda de Singer viviu unha segunda primavera no medio da crise sanitaria. "A pandemia para min foi boa, cando abrimos foi un aluvión de xente. Por primeira vez desde que entrara en Singer tiven colas na tenda, non me pasara nunca", confesa.
"A xente como tiña tempo vese que empezou a facer cousas coas máquinas, outros as trouxeron para poñelas a punto. A xente mira por Internet e ponse a facer cousas, por iso veñen moito a por accesorios", razoa Josefa os motivos do boom do 2020.
Coa retirada de Josefa, os costureiros de Pontevedra perden para sempre a súa inigualable atención, os seus consellos e o seu saber facer. Pero non quedan abandonados. "Repostos vai seguir habendo, o problema é que quedan sen servicio técnico na cidade. Hai unha tenda en Vigo e poden ir sen problema", tranquiliza aos seus clientes, que ao longo dos anos foi cambiando do típico perfil de ama de casa ou profesional da costura, ata un público heteroxéneo no que os homes ocupan tamén un lugar destacado.