Os "problemas de saúde e seguridade" do Xulgado de Garda, cabalo de batalla dos traballadores da Xustiza
Por Redacción
O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT volve reiterar a necesidade de buscar solucións para mellorar as condicións do Xulgado de Garda de Pontevedra. Xa en xullo de 2019 denunciaron a situación e en setembro solicitaron o amparo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ante os "problemas de saúde e seguridade" destas dependencias do edificio xudicial da Parda. Agora, días despois de que tamén os xuíces e maxistrados urxisen solucións para o mesmo tema, reiteran as súas peticións.
Alternativas na Xustiza-CUT denuncia que nestas dependencias que continúan no edificio xudicial antigo hai "risco de contaxio pola covid-19", pois as salas de declaracións e xuízos rápidos e de roldas de recoñecemento son espazos pechados e cun tamaño ridículo, sen fiestras nin ventilación.
Xa daquela propuxeron a mesma solución que nos últimos días puxeron sobre a mesa os xuíces, ampliar as instalacións do Xulgado de Garda e trasladar o Imelga, situado no semi soto, ao entrechán, recolocando o decanato na planta baixa.
O sindicato busca que se habilite desta maneira un espazo dotado de ventilación e iluminación natural para o xulgado de garda, tendo en conta o gran espazo existente na actualidade nos xulgados da Parda. Coa inauguración do novo edificio xudicial e o traslado ao mesmo da maioría de unidades xudiciais, queda espazo baleiro.
Lembran, ademais, que a obra está pendente dende a finalización das reformas feitas no edificio vello e a construción do novo edificio hai máis de dous anos.
Insisten en que esta situación pon en risco a saúde dos traballadores e traballadoras e dos cidadáns en xeral e vai en detrimento do servizo público, que aseguran que "non se presta nas mellores condicións, tanto pola falta de gravación das vistas como pola falta de ventilación e as malas condicións dos calabozos".
Relacionadas:
-
O antigo edificio xudicial da Parda, obxecto dunha mellora valorada en máis de 221.700 euros
Por Redacción |
-
Camiñadas organizadas para "que a saúde sexa un ben universal para todo o mundo"
Por Raquel Currás Martínez & Diana Eiras |
-
Os xuíces pontevedreses poñen deberes á Xunta: que as obras dos vellos xulgados terminen "canto antes"
Por Natalia Puga |
-
Solicitan o amparo do presidente do TSXG pola situación do Xulgado de Garda de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Trasladan á Xunta as queixas polo "liliputiense" xulgado de garda de Pontevedra
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada