Dous mestres do IES Torrente Ballester recollen o premio da AECID polo programa "Escolas sen Racismo"
Por Redacción
O IES Gonzalo Torrente Ballester recibiu este mércores en Madrid o V Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento 'Vicente Ferrer' polo proxecto Escolas sen Racismo, realizado canda a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. Trátase dun recoñecemento que outorgan a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e o Ministerio de Educación.
A xefa de estudos do centro, Cristina Ogando, e o profesor responsable da biblioteca, Pedro Iturburúa, foron os encargados de recoller o premio. Ambos participaron durante a última semana nun seminario de intercambio e formación en boas prácticas en educación para o desenvolvemento que tivo lugar entre Málaga e Tánxer. A actividade forma parte do premio que recoñeceu as quince mellores experiencias impulsadas neste eido no ámbito estatal, entre as que a do IES Torrente Ballester é a única galega.
A iniciativa Escolas sen Racismo implementouse no instituto durante o curso 2012/2013 e baseouse na educación en valores a través dun obradoiro de televisión. O alumnado elaborou reportaxes sobre comercio xusto, migracións, comunidade xitana ou discapacidade.
O programa resultante, que permanece dispoñible na canle de Agareso en Youtube, contou coa colaboración de entidades coma Amarante Setem, Solidariedade Internacional ou a Fundación Secretariado Xitano. No marco do proxecto, cofinanciado pola Xunta de Galicia, traballouse tamén nas aulas realizando, entre outras tarefas, murais e poemas arredor do Manifesto das Escolas sen Racismo, Escolas para a Paz e o desenvolvemento, e da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Autoridades coma o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, ou a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carme Fouces, estiveron tamén presentes no acto. Os encargados de entregar os galardóns foron a directora de Cooperación Multilateral, Horizontal e Financeira da Aecid, Laura López de Ceraín; o director xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e Cultura, Alfonso González Hermoso e o director da Fundación Vicente Ferrer, Jordi Folgado.
Os Premios Nacionais de Educación para o Desenvolvemento distinguen o labor dos centros docentes que ao longo do ano desenvolven proxectos educativos para fomentar entre o seu alumnado a conciencia social, o espírito crítico ou o compromiso coa erradicación da pobreza e as súas causas e co desenvolvemento humano sustentable.