Abre o prazo para os 'Campamentos Urbanos de Verán' de Vilagarcía
Os Campamentos Urbanos de Verán regresan outro ano máis para goce da mocidade vilagarciá. Este programa de balde pretende ocupar o tempo de lecer e facilitar a conciliación das familias vilagarciáns con crianzas entre 3 e 7 anos.
O prazo de inscrición para estas idades ábrese desde o martes 5 ata o 25 de abril con sesenta prazas que se cubrirán por orde, a excepción de seis prazas reservadas para menores de familias usuarias dos Servizos Sociais, coa posibilidade de ampliar o número de postos de adxudicación directa para menores ucraínos acollidos en Vilagarcía. Así mesmo, nos vindeiros días dispoñeranse tamén convocatorias para campamentos de 8 a 11 e de 12 a 16 anos.
Como requisito para poder inscribirse, ambos proxenitores deben acreditar a súa ocupación laboral ou situación de ERTE e estar empadroados ou traballar en Vilagarcía.
Os centros educativos Arealonga e Vagalume son os espazos que acollerán as actividades durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 12 de agosto. O horario será de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.
A organización dos participantes seguirá un protocolo anticovid mediante a creación de seis grupos independentes en base ás idades formados por dez estudantes e unha persoa de monitorado.
Para acceder ás bases e formularios de inscrición, pódese consultar a páxina web do concello e a sede municipal, onde tamén se publicará a lista de admitidos o 3 de maio. As persoas aceptadas deberán confirmar a súa praza a través do correo electrónico ou por teléfono 986 099 200 extensión 212.
Relacionadas:
-
Galicia ofrecerá este verán case once mil prazas en campamentos xuvenís
Por Redacción |
-
Reunión do Consello Escolar Municipal para avaliar as propostas do ano académico 2022-2023
Por Raquel Currás Martínez |
-
Spotify e Apple Music publican o terceiro recompilatorio de Xeración Sónica
Por Oskar Viéitez |
-
Abre o prazo de inscrición para os campamentos da Lanzada
Por Redacción |