30.000 euros para reparar dúas infravivendas na Lama
Por Redacción
Dúas infravivendas do Concello da Lama recibirán unha subvención de 30.000 euros, 15.000 cada unha, para acometer obras de reparación e mellora.
Trátase de axudas concedidas pola Xunta de Galicia e o Concello da Lama aparece como solicitante e beneficiario. Será esta administración local a que terá que comunicar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a data de inicio. En ambos casos as actuacións deberán estar finalizadas antes do 24 de novembro.
As actuacións nun dos inmobles consistirán na substitución de toda a carpintaría exterior de aluminio por portas e fiestras de PVC foliado en cor imitando madeira. Ademais, os novos elementos contarán con rotura de ponte térmico, caixón de persiana monoblock e acristalamento con vidro de dobre folla para mellorar o illamento.
Na outra vivenda procederase á demolición da cuberta actual para construír unha nova.
A última orde de axudas para rehabilitar infravivendas no rural foi convocada o pasado 9 de febreiro e os interesados aínda poden solicitalas ata o 2 de xuño. Os inmobles obxecto da actuación poden ser propiedade dos seus moradores ou do concello, aínda que en ambos casos a axuda debe solicitala a Administración local.