Petición na rúa da CIG ao Goberno: "Atendan as pensións e non gasten en armamento"

© Diana Eiras

© Diana Eiras
Continúan as protestas de todos os xoves convocadas polo sindicato CIG para demandar unhas pensións públicas dignas. Nesta ocasión, un grupo de representantes do sindicato nacionalista concentrábase na praza da Peregrina mostrando o seu malestar pola reforma das pensións que o Goberno central aplicará este 2022.
Explican que esta reforma mantén a idade de xubilación nos 67 anos e consideran que se producirán novas penalizacións á clase traballadora sen garantía dunha subida das contías das pensións. Ademais, lamentan que non se garanta por lei a pensión mínima no 60% do salario medio nin se recupera o dereito á xubilación parcial á vez que se penaliza a xubilación anticipada, prexudicando a persoas que realizan actividades perigosas ao prolongarse a súa vida laboral.
Ademais, mostran a súa preocupación polo anuncio da segunda parte da reforma na que se incluiría a ampliación do período de cálculo pasando dos 25 anos actuais a 35 anos.
Felipe Aragunde, representante da sección de pensionistas da CIG, explicaba que é necesario que todas as persoas xubiladas en Galicia se incorporen a estas protestas porque as pensións son "moi baixas" ao permanecer en 865,94 euros mensuais, 84 euros por baixo do salario mínimio interprofesional. No conxunto do Estado, a pensión media sitúase en 1.017,97 euros.
Demanda unha correspondencia de acordo cos anos traballados durante a vida laboral. Critica a subida do IPC medio porque alega que se a vida sobe 10, a subida prevista para as pensións será de 4,5 ou 5 e coa aplicación dos impostos quedará en 2,5 cunha importante perda do poder adquisitivo. O integrante da central nacionalista pide ao Goberno que atenda ás pensións e non gaste en armanento ou noutras accións. "Se nós sabemos onde facer os sacrificios, eles tamén saben", alega.
Desde a CIG insisten en que, ademais, as máis prexudicadas por esta situación son as mulleres porque a pensión media dunha galega é case 300 euros inferior á pensión media dun galego.
Relacionadas:
-
Pensionistas e persoas xubiladas da CIG concéntranse contra a exclusión dixital
Por Redacción |
-
Indignación de pensionistas e xubilados pola grave perda de poder adquisitivo
Por Redacción |
-
Chamamento social da CIG a participar na Marcha do 1º de Maio porque "a clase traballadora vive na pobreza"
Por Diana Eiras & Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
8M | A CIG berra contra a desigualdade e precariedade das mulleres
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Volven as protestas contra a reforma das pensións ás rúas de Pontevedra
Por Redacción |
-
Protestas da CIG para evitar que a clase traballadora pague a saída da crise
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Concentración da CIG en protesta pola reforma das pensións
Por Cristina Saiz & Redacción |