Tres gasolineiras de Pontevedra, denunciadas por subir os prezos o día que empezaron os descontos
Por Redacción
Tres gasolineiras de Pontevedra acaban de ser denunciadas porque o pasado venres 1 de abril, data de entrada de vigor dos descontos de 20 céntimos por litro de carburante impostos polo Goberno, subiron os seus prezos de forma inxustificada.
A organización FACUA-Consumidores en Acción presentou denuncias ante o Ministerio de Consumo e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) contra estas tres gasolineiras e un total de 230 localizadas en 13 comunidades autónomas españolas.
As gasolineiras denunciadas, segundo FACUA, aplicaron incrementos de polo menos 5 céntimos, que é o recorte de marxes que o real decreto-lei aprobado a semana pasada polo Consello de Ministros impón que achegue o sector. Desta forma, subiron aos seus clientes os céntimos que a estación debía asumir por si mesma.
As gasolineiras teñen que repercutir aos consumidores unha bonificación de polo menos 20 céntimos, impostos incluídos, sobre o prezo de venda ao público da gasolina e o gasóleo servido entre os días 1 de abril e 30 de xuño. Deles, 15 céntimos seranlles devoltos, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.
FACUA solicita ao ministerio que poña os feitos en coñecemento das autoridades autonómicas de protección ao consumidor para que os investiguen e abran os correspondentes expedientes sancionadores contra as gasolineiras onde consideren que se cometeron as citadas prácticas desleais.
Pola súa banda, na denuncia ante a CNMC, a asociación pide que avalíe se todas ou unha parte das estacións de servizo denunciadas vulnerarían a lexislación.
En total, denunciáronse gasolineiras en 37 provincias por incrementar o prezo da gasolina e/ou o gasóleo. Ademais, FACUA sospeita que hai provincias onde distintas estacións de servizo alcanzaron acordos para subir os prezos de forma simultánea.
No caso de Galicia, hai catro estaciones de servizo denunciadas, estas tres de Pontevedra e unha en Lugo.
A empresa Repsol está á cabeza das denuncias, con 26 das 230 estacións de servizo denunciadas. A segunda cadea que acumula máis denuncias é É Carburantes, con doce, seguida de Farruco SA, con dez. A continuación Cepsa, con oito gasolineiras, Galp con sete, MaxOil con 6 e BP con 4.
Agla, Avia e Petronor teñen tres estaciones contra as que se presentaron denuncias, Ballenoil e Campsa dúas cada unha, e pechan a listaxe Petrogas e Shell con unha. Ademais, denunciaron a outras 142 gasolineiras independentes.
Relacionadas:
-
Encher un depósito de gasolina custa en Pontevedra 22 euros máis que en xaneiro, a pesar das bonificacións
Por Diego Espiño |
-
"Normalizada" a situación nas estacións de servizo tras unha fin de semana de colas e problemas informáticos
Por Natalia Puga |
-
Unha fin de semana de asistencia masiva ás gasolineiras
Por Redacción |