Día Internacional do Pobo Xitano: "non somos extraterrestres. Queremos igualdade de oportunidades"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
A Fundación Secretariado Xitano celebra este 8 de abril o Día Internacional do Pobo Xitano. Nesta ocasión, un grupo de mozos coa mediadora intercultural Rebeca Flórez Jiménez achegábanse pola Casa do concello, en compañía do concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey e a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, para despregar a bandeira do pobo xitano no balcón do Concello.
Con motivo desta xornada distribuíron o manifesto de solidariedade co pobo xitano de Ucraína que está a sufrir as consecuencias da guerra. Rebeca Flórez explicaba que as mostras de solidariedade non chegan de igual forma á cidadanía en situación de maior vulnerabilidade, entre as que se atopa numerosa poboación xitana.
Expón que moitas familias atópanse con dificultades para atravesar as fronteiras para os países limítrofes, debido á falta de documentación. Tamén sofren situacións de carencia de alimentos e separacións no seo das familias. "Unha desgraza", manifestaba a representante da Fundación, que demanda igualdade de trato co resto das vítimas da guerra, "que non sexan discriminados. A guerra é un horror en si e os xitanos padécena horriblemente", expuxo recoñecendo que a poboación xitana é tratada como cidadanía "de segunda".
Desde o colectivo queren facer un chamamento á Unión Europea e ao Consello de Europa, ás organizacións da sociedade civil e á comunidade internacional para que velen para que ninguén quede atrás nunha sociedade tan fracturada como a que provoca unha guerra destas dimensións, tal e como recolle o manifesto elaborado para este 8 de abril.
Nesta data, a comunidade xitana celebra a unidade do pobo, a súa historia compartida e valores que fan "alzar a voz ante situacións de inxustiza e desigualdade". Rebeca Flórez expoñía que "non somos extraterrestres. Queremos que nos dean a oportunidade" e reivindicaba igualdade no trato para evitar as discriminacións.
En Pontevedra está rexistrada unha poboación xitana de 1.500 persoas, entre eles un importante grupo de mozos que participan do programa Formáteate en Garantía que organiza a Fundación Secretariado Xitano que celebra neste 2022 os seus 40 anos de existencia.
O concelleiro Marcos Rey indicou que desde o Concello de Pontevedra trabállase con esta poboación nun contexto no que se aprobou a nova Estratexia Nacional para a Igualdade, a Inclusión e a Participación Xitana e no que o Congreso puxo en marcha a Subcomisión para un Pacto de Estado contra o Antixitanismo e a Inclusión do Pobo Xitano.
Relacionadas:
-
Un día para reivindicar a igualdade do pobo xitano: "a sociedade tiña que facer un cambio de chip"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A bandeira xitana loce na Casa da Luz para reivindicar dereitos e denunciar os casos de antixitanismo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A bandeira xitana ondeará no balcón da Casa da Luz polo Día Internacional do Pobo Xitano
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A bandeira tricolor do pobo xitano xa ondea na Casa Consistorial
Por Mónica Patxot & María José Pita |