A Brilat ultima en Valladolid o seu próximo despregamento en Malí, onde se relevará a si mesma
Por Natalia Puga
A brigada Galicia VII, Brilat, atópase xa na fase de preparación final do continxente de militares que nas próximas semanas despregarase en Malí para asumir a Misión de Adestramento da Unión Europea no país, coñecida polas siglas en inglés EUTM Mali e que, nesta ocasión, supoñerá que a brigada se releve a si mesma.
No marco desta misión de adestramento que o Exército español realiza desde o ano 2013 en colaboración con outros países da Unión Europea, a Brigada ten desde novembro de 2021 un continxente despregado no país para desenvolver esta misión. En cuestión de semanas, os militares despregados ata o de agora regresarán a casa e tomará a testemuña o novo continxente que se está preparando.
Dentro do período de adestramento final do continxente EUTM Malí XX, entre os días 28 de marzo e 7 de abril realizaron un Exercicio de Integración e Avaliación (INTEVAL) no campo de manobras e tiro de Renedo- Cabezón, en Valladolid.
Un total de 600 militares e preto de 80 vehículos participaron neste exercicio, que tiña unha finalidade dobre,: facilitar o adestramento, a integración e cohesión de todas as unidades que forman parte do continxente e avaliar a todo o persoal como requisito previo ao seu despregamento e incorporación á estrutura da operación, verificando o adestramento da unidade para o seu despregamento.
A Brigada leva catro meses adestrándose para o seu próximo despregamento en Malí, onde o continxente que se despregará está constituído sobre a base do Grupo de Cabalería Santiago I/12 do Rexemento de Cabalería Farnesio 12, con sede en Santovenia de Pisuerga (Valladolid).
Tamén se despregará unidades de Infantería de Mariña, achegas do resto de unidades da BRILAT como son o Grupo Loxístico, o Batallón de Cuartel Xeral, o Grupo de Artillería e o Batallón de Zapadores e achegas doutras unidades do Exército de Terra, principalmente do Mando de Apoio á Manobra (unidades de Enxeñeiros, Mando de Transmisións, Intelixencia entre outras).
O exercicio INTEVAL realizado en Renedo-Cabezón despregou 80 vehículos nas súas diferentes versións e plataformas (tipo LMV-Lince, RG-31, VAMTAC e vehículos loxísticos) e contou coa participación do xeral xefe da Brilat, Luis Cortés.
Ao longo do exercicio, o persoal do continxente foi sometido a unha serie de incidencias materializadas sobre o terreo, nas que se puido comprobar a correcta aplicación das tácticas, técnicas e procedementos operativos específicos necesarios para liquidar calquera imprevisto que poida xurdir durante o seu despregamento.
Esta misión internacional proporciona ao exército de Malí formación militar e asesoramento en materia de cadea de mando, loxística e xestión de recursos humanos, así como asesoramento en materia de dereito internacional humanitario.
Relacionadas:
-
Os primeiros 150 militares da Brilat embarcan este domingo rumbo a Malí
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Brilat, ás portas xa da nova misión en Malí
Por Natalia Puga |
-
As "gestas heroicas" da Brilat na pandemia, un "orgullo" para Galicia segundo a ministra de Defensa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Brilat, coa mente en Iraq e Mali e o corazón en dous incidentes de manobras
Por Redacción |
-
A Brilat di ata logo a 450 soldados que asumirán misións en Mali e Iraq a finais de mes
Por Redacción |